Hoxe, 21 de marzo, súmamonos á celebración do Día Mundial da Poesía, unha data que busca apoiar a diversidade lingüística e dar a oportunidade ás linguas de ser un vehículo de comunicación artística.
A poesía é toda unha manifestación creativa da pluralidade, que contribúe a cuestionar a forma na que empregamos as palabras e o noso xeito de percibir a realidade. Un medio, a través do cal a sociedade, durante toda a historia, foi capaz de expresar pensamentos, sentimentos e emocións, empregando unha linguaxe ateigada de beleza. A través da poética, as artistas expresan experiencias inevitables como o amor, a vida e a morte, polas que teñen que transitar todos os seres humanos.
Celebrando a efeméride, queremos recomendar algúns dos nosos últimos títulos publicados na colección Dombate de Editorial Galaxia.
PENSAR É ESCURO. POESÍA REUNIDA (1991 – 2004), de Luísa Villalta, en edición de Armando Requeixo. Estes versos converteron a autora nunha das voces máis importantes da poesía galega do noso tempo e consagrárona como unha creadora singular e inimitable. Esta obra recupera os catro títulos que Luísa Villalta dispuxo en vida para a súa publicación: Música reservada (1991), Ruído (1995), Rota ao interior do ollo (1995) e En concreto (2004)
DIORAMA, de José Carou. Os versos do autor están adobiados coas ilustracións de Laiño que, en palabras de Carou, subliman a intención de cada verso. Antes de amosarlle, xa el intuía. A amizade rescátanos dos medos íntimos, do desasisado reconto silábico en soidade. Unha suxerente proposta, que obriga a seguir. Diorama é sensorial, está ateigada de profundas reflexións, cheas de humanidade.
UN AMOR ANTIGO, de Luísa Castro. O novo comezo como autora de Castro, un comezo que nos asoma á vertixe das emocións e as súas contradicións, deixándonos nese limbo de extrema quietude e vitalidade total que só a morte ou o amor concitan. Unha volta ás orixes onde a pegada do amor acode para rescatarnos, pero tamén pode ser o comezo dun vivir máis libre, sen noción ningunha do pasado.
POEMAS ESCOLLIDOS, de Liz Lochhead. Traducido por María Armental, esta obra presenta unha selección persoal de poemas publicados nas últimas catro décadas pola autora.
O amor e a memoria son a forza destas composicións, que van dende a linguaxe á paisaxe, dende o amor á historia, dende a paixón pola música e as artes plásticas ata o feminismo. Ás veces conmovedora, ás veces divertida, extravagante, sempre loitadora, franca e chea de entusiasmo, esta tradución é unha homenaxe a unha das poetas contemporáneas máis prezadas e celebradas do Reino Unido.
DE ROSA ANTIGA, de Helena Villar Janeiro. Celebrando as súas vodas de ouro coa poesía, a escritora Villar Janeiro festexa o seu amor pola palabra co libro De rosa antiga. Unha escolma que recolle a súa obra dende 1972 ata 2022. Velaquí unha mostra significativa do que leva dado de si un talento que se iniciou hai cincuenta anos.
BEN SABE O MAR QUE POSÚO O BOTÍN DAS POETAS, de Luz Campello. Unha voz íntima que se recoñece na intemperie, e que se cuestiona o mundo desde as súas arestas. Un poemario de denuncia e resiliencia que transita no tempo e no devalar das mareas até desfragmentar as feridas e acadar o botín, a única ganacia propia / a ganancia das derrotas.