O xoves 23 de marzo, celebrarase, ás 11:30 h, no Pazo de San Roque, en Santiago de Compostela, unha rolda de prensa arredor de Mitos e lendas da vella Grecia, de Anisia Miranda.
Participarán Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística, Fernando Redondo Neira, presidente da Fundación Neira Vilas, e Francisco Castro, director xeral de Editorial Galaxia.
Cunha primera edición en castelán (Cuba, 1966), e a súa tradución para o galego a cargo de Xosé Neira Vilas (1983), Anisia Miranda ofrécenos, en Mitos e lendas da vella Grecia, dun xeito ameno, didáctico e fluído, unha selección dos principais deuses e heroes do Olimpo, de antigas crenzas e de lendas que conforman a base da cultura e da mitoloxía da Hélade, alicerce da occidental, coa pretensión de achegala á xente nova nos seus aspectos máis fundamentais.
Anisia Miranda (Ciego de Avila, Cuba, 1932 – Gres, Vila de Cruces, 2009). Filla de emigrantes ourensáns, estudou Maxisterio e Xornalismo na Habana. En 1953 trasladouse a Buenos Aires, onde casou con Xosé Neira Vias en 1957, ano en que fundaron a librería-editorial Follas Novas, referente da cultura galega na Arxentina. Traduciu para o galego autores latinoamericanos como José Martí, Rubén Darío e Walt Whitman. En 1961 retornou a Cuba, onde publicou poesía, narrativa, teatro, obras de viaxes e biografías. En 1992 fixou a súa residencia en Galicia, acupándose da vicepresidencia da Fundación Xosé Neira Vilas. Entre as súas obras en galego destacan Mitos e lendas da vella Grecia (1983), Os contos do Compay Grilo (1984), A volta do Compay Grilo (1990), Pardela amiga (1990), A primeira aventura (1991), A casa dos títeres (1993) e A cama, a bolboreta e o paxariño (1998), entre outras.