Xa nas librarías os dous libros inéditos de Paco del Riego que publica Galaxia

Categoría: Nova

A Editorial Galaxia coloca estes días nas librarías de todo o país, dous libros inéditos de Francisco Fernández del Riego, autor homenaxeado este ano co Día das Letras Galegas e fundador da editora. Dos máis de dez libros que Galaxia pon este ano no mercado galego, estes dous volumes están chamados a protagonizar o ano literario pola súa novidade, pois son dous textos que permanecían esquecidos e que Galaxia saca a luz neste ano de don Paco.

Diario da guerra, de Francisco Fdez. Del Riego con limiar do historiador Lourenzo Fernández Prieto.

O texto mecanografado deste diario descansaba esquecido entre os papeis de don Paco, nos arquivos da Fundación Penzol. Non estamos só ante un diario de guerra, ante a memoria do soldado Fernández del Riego como artilleiro dunha batería antiaérea, porque se lemos entre liñas chegaremos ao que quixo dicir, ao que tivo que vivir, ao que tivo que calar, máis alá do esquecemento. O libro ten o valor engadido de vir acompañado dun revelador apéndice fotográfico no que vemos ao seu protagonista fotografado cos seus compañeiros de armas nos campos de batalla, nos trens ou nas xornadas de permiso. E tamén dunha serie de mapas onde os lectores e lectoras poderán seguir o percorrido de Paco del Riego polos escenarios do horror, dende as chairas aragonesas, a Estremadura, pasando por Córdoba.

Paco del Riego foi sempre un voraz lector, tamén durante a guerra e no apéndice final podemos atopar a relación das súas lecturas, todas aquelas obras que o axudaron a esquecer durante uns intres a miseria e barbarie da guerra: Machado, Valle-Inclán, Tolstoi e Pirandello entre outros.

Un texto imprescindible e inesquecible, que é a revelación da memoria dos perseguidos, dos forzados, dos que fixeron a guerra contra a súa vontade, que nin a memoria lles deixaron.

Memorias do París literario, de Francisco Fdez. Del Riego con limiar da profesora Malores Villanueva.

En maio de 1953, Francisco Fernández del Riego e a súa esposa, Evelina, viaxan a París, tras acadar o pasaporte que tantas veces se lles negara. Alí reencontráronse co seu amigo o pintor Manuel Colmeiro, que vivía na capital francesa dende 1949, tras unha década de exilio en Buenos Aires. Aqueles días nas ribeiras do Sena serviron para coñecer a cidade, os museos e a arte, á vez que mantivo parladoiros con persoeiros relevantes, moitos deles exiliados, ampliou pareceres e coñecementos, e gozaron da conversa en liberdade. Xa no mes de xuño decidiron continuar viaxe polos Países Baixos para rematar a súa estadía de dous meses visitando a zona dos cheateaux durante a derradeira semana da viaxe. En moitos dos escritos Del Riego deixou noticia da importancia da literatura francesa na súa vida, e, nun caixón, quedaron estas Memorias do París literario, onde volve sobre unha das súas grandes paixóns.

Comparte nas túas redes sociais ou por email