A Xeración Galaxia de Francisco Fernández del Riego

Categoría: Nova

O 25 de xullo de 1950 celebrouse no bodegón do hotel Compostela, en Santiago, a Asemblea fundacional da Editorial Galaxia. Baixo a presidencia de Ramón Otero Pedrayo, o Patriarca das Letras, e coa presenza de personalidades senlleiras do galeguismo, como Manuel Gómez Román, secretario do Partido Galeguista, configurábase daquela o núcleo principal da resistencia cultural e política do galeguismo, obrigado á clandestinidade e ao exilio despois da Guerra Civil (1936). Francisco Fernández del Riego, Xaime Isla Couto e Ramón Piñeiro foron as tres personalidades que dende o primeiro momento orientaron a editorial, comprometida coa recuperación da lingua e da cultura galegas, nos tempos difíciles da ditadura. Non estaban todos. Algúns non puideron asistir, entre outros Ramón Piñeiro, que viña de saír da cadea. Mais había representantes do exilio e da emigración, principalmente das colectividades galegas de Bos Aires e de Montevideo.

Asemblea fundacional de Galaxia. Santiago de Compostela, 1950

En A xeración Galaxia, de Francisco Fernández del Riego, que agora sae do prelo, o homenaxeado no Día das letras Galegas de 2023 narra este fito da nosa historia e a aventura cultural e política protagonizada por un feixe de homes e mulleres que nos anos máis escuros do franquismo loitaron pola pervivencia da nosa identidade contra vento e marea nun proxecto compartido entre os sobreviventes do galeguismo anterior á Guerra Civil e as novas promocións intelectuais que agromaban daquela a unha empobrecida vida galega. Este libro é a crónica interna e externa, obxectiva e emocionada, daquela singular tarefa de reconstrución contada por un dos seus principais protagonistas. E tamén de iniciativas senlleiras como a Revista de Economía de Galicia, fundada en 1958, dirixida primeiro por Xaime Isla Couto e despois por Xosé Manuel Beiras ata o seu remate en 1968. Ou como a revista Grial, fundada en 1963 e editada aínda nos nosos días.

Ata a fundación de Galaxia a edición galega da posguerra foi mínima. A edición, igual que a resistencia política e cultural, desenvólvese neste período principalmente en América (México, Uruguai, Arxentina), arredor de figuras como Castelao, Manuel Puente, Arturo Cuadrado ou Luís Seoane, auténticos motores da produción editorial no exilio. En 1949 publícase en Pontevedra a colección de poesía Benito Soto, promovida por Sabino Torres, Cuña Novás, Álvarez Negreira e Celso Emilio Ferreiro. Polas mesmas datas saen os primeiros títulos de Bibliófilos Gallegos, e mais a Editorial Monterrey, da man de Luís Viñas Cortegoso e Xosé María Álvarez Blázquez, orientada maiormente cara á edición de bibliofilia.

Mais é a editorial Galaxia a que se consolida, entre todas elas, coma o máis estable e o de máis continuidade, referencia obrigada do rexurdimento da actividade intelectual na Galicia interior. Unha labor que chega ata os nosos días con máis de 4.000 libros publicados e un catálogo vivo de preto de 2000.

Neste libro como di Paco del Riego: “a xeración recuperadora das esencias autóctonas sería a que, andados os anos de indixencia e escuridade, volvería restituír a liña aberta polos escritores e investigadores que protagonizaron a tarefa do seminario de estudos galegos”.

Comparte nas túas redes sociais ou por email