Lecturas para celebrar o Día do Cómic

Categoría: Nova

Hoxe, venres 17 de marzo, celebramos o Día do Cómic, unha efeméride que pon en valor a banda deseñada e a súa importancia no contexto histórico e actual.

Os cómics, moitas veces, son a porta de entrada de novas e novos lectores. A través de imaxes cheas de cor, creatividade, diversidade, ou humor intelixente, estas publicacións conquistan os corazóns dos lectores facéndose un oco na lista de lecturas favoritas. Para celebrar este día, dende a Editorial Galaxia queremos salientar algunhas das nosas publicacións arredor deste xénero.

Son moitos os cómics e profesionais que enriquecen a nosa cultura, Octavio Beares fai un percorrido, en A historia do cómic en Galicia, dos feitos, publicacións, e historias que precisan ser recompiladas, e estudadas neste eido.

Este libro é un cimento para futuras xeracións de lectores e autores de cómic. Un libro imprescindible para comprender a evolución e o presente da banda deseñada galega; un título que empasta á perfección pasado, presente e futuro.

Celebrando o Día das Letras Galegas, publicamos Francisco Fernández del Riego. O home que valía por mil, de Antón Mascato e Pepe Carreiro. Nesta obra, Pepe Carreiro ilustra dun xeito maxistral e desenfadado, mais tamén rigoroso baixo a batuta de Antón Mascato, a vida de Paco del Riego e os principais acontecementos históricos que lle tocou vivir. É un xeito moi próximo e axeitado para mostrar, a través da banda deseñada, aos alumnos e alumnas de Primaria e da ESO a vida e obra dun dos nosos grandes referentes culturais.

O 29 de marzo chegará aos nosos almacéns A batalla de rande, de David Braña, ilustrado por Pablo Prado. Unha obra contextualizada en 1702, durante a guerra de Sucesión española, cando aconteceu un dos fitos navais da nosa historia. Galeóns españois, acompañados por forzas aliadas francesas, arribaron á ría de Vigo co maior tesouro que xamais cruzara o Atlántico. Ata alí os seguiu a escuadra da coalición anglo-neerlandesa, coa idea de apoderarse do botín.

A batalla foi encarnizada, as augas da ría parecían arder e, aínda hoxe, segue a ser motivo de especulacións, investigacións e, incluso, posta en relevo polo escrito Jules Verne na súa novela 20.000 leguas baixo dos mares

En xuño sairá do prelo a adaptación en banda deseñada da novela O paso do Noroeste de Xavier Queipo debuxada por Primitivo Marcos, unha historia de aventuras e navegación na mellor liña franco-belga.

Nese mesmo mes Galaxia iniciará unha nova colección de banda deseñada  dirixida a un público infantil e xuvenil. Faino con dúas obras, A Brigada iridescente, obra da debuxante Elena Andrés onde amizade e o humor se mesturan dun xeito maxistral, e Sentinelas da Lúa Carmesí, obra de Andrés Castro, Ozo Perozo e Alex Senande, unha historia de aventuras e fantasía adolescente que bebe na inmensa riqueza de mitos e lendas de tradición oral de Galicia.

Comparte nas túas redes sociais ou por email