Antón Vidal Andión, presidente do Consello de Administración de Editorial Galaxia, será nomeado Vigués Distinguido.
Este mércores o alcalde de Vigo, Abel Caballero, comunicou en rolda de prensa novos nomeamentos como Vigués Distinguido, que serán entregados na gala que se celebrará o 23 de marzo, ás 20:00 h, no Teatro García Barbón.
Vidal será un dos premiados no acto. Esta distinción recoñece o labor do avogado, que pertenceu ao equipo fundador da Universidade de Vigo, e que na actualidade é presidente dos consellos de administración de Editorial Galaxia, Merlín Comunicación, Soños do Gatipedro, Mar Maior, e vicepresidente da Fundación Penzol e da Fundación Otero Pedrayo, patrón fundador das fundacións Illa Couto e Branco Amor.
O alcalde salientou que Vidal recibirá este recoñecemento por ser “un vigués traballando por Vigo durante toda a súa vida dun xeito excepcional”.
Nado en Pontevedra en 1948. Dende 2002 é vicevaledor do Cidadán de Vigo, tarefa que desenvolve cunha “dedicación altruísta”. Licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela, formou parte de equipo fundador da Universidade de Vigo, da que foi xerente, vicerreitor de Asuntos Económicos e asesor xurídico.
Foi membro do Instituto de Mediación e Arbitraxe no Consello Galego de Relacións Laborais. “Trátase dun vigués cunha dedicación total a esta cidade, dende a humildade e o anonimato, facendo un traballo excepcional no eido da cultura, no da universidade e no da atención á cidade”, apuntou o alcalde vigués.