Galaxia publica un estudio sobre a relación de Don Paco cos artistas galegos da súa época

Categoría: Nova

No libro da investigadora e comisaria de exposicións Beatriz Liz de Cea, Don Paco letras para a arte galega, editado por Galaxia, a autora fai un percorrido polas experiencias que Francisco Fdez. Del Riego tivo coa nosa plástica, os seus artistas e as circunstancias que as rodearon. Unha relación case descoñecida para o gran público que quedou un pouco esquecida en relación con outras facetas culturais da súa frutífera vida.

Unha relación esta que naceu moi cedo , xa dende a participación de don Paco no grupo xuvenil Ultreia nos anos 30 onde nunha exposición descubre a obra de Mario F. Granell.

A visión artística deste don Paco mozo transita por Castelao e a súa arte social, por Souto, por Colmeiro, a quen identifica como o primeiro pintor galego, xunto a Maside, para rematar con Seoane.

A pinacoteca persoal de Don Paco hoxe na Casa Galega da Cultura en Vigo, onde ten tamén a súa sede a súa benquerida Fundación Penzol, constitúe a memoria material e persoal das relacións e experiencias vividas con moitos daqueles artistas, aos que habería que engadir tamén a Xulia Minguillon, Isaac Diaz Pardo, Laxeiro, Manuel Torres… e tantos outros. A vida de don Paco queda fixada e reflectida en moitos deses óleos, debuxos, esculturas e outros obxectos artísticos, tal que se fosen instantáneas fotográficas.

Beatriz Liz de Cea co rigor documental da historiadora da arte que é, pon en valor, a través dunha linguaxe sinxela e asumible, o importante labor de don Paco na defensa da arte galega e o legado artístico material que deixou á cidade de Vigo.

Comparte nas túas redes sociais ou por email