Galaxia estará na Feira do Libro de Santiago de Compostela

Categoría: Nova

Mañá, sábado 29 de abril, comezará a Feira do Libro de Santiago de Compostela, a segunda nesta nova edición, que estará aberta ata o domingo 7 de maio. Celebrarase no Paseo Central da Alameda.

A nosa editorial estará na caseta nº 5.

Editorial Galaxia estará presente cunha programación para todos os públicos:

Venres 29, ás 17:30 h. Espectáculo musical infantil e familiar con Pakolas, arredor do seu último traballo: Ramona pequena vai á Lúa, ilustrado por Laura Romero. A dupla creativa volve a sorprender cun fermoso álbum ilustrado, ateigado de cor e rock and roll. As pequenas viaxarán con Ramona dende os seus pensamentos ata a Lúa, dende as súas inquedanzas ata as súas xenialidades e dende o seu maxín ata onde queiran chegar. Quebrade os límites con Pakolas e Laura Romero nesta nova aventura rockeira!

Domingo 30, ás 19 h. Sinatura con Marilar Aleixandre arredor de As malas mulleres, Premio Blanco Amor 2020, Premio Nacional de Narrativa 2022, na caseta da libraría Pedreira. Unha novela escrita contra a desmemoria, para recuperar a memoria das excluídas, reclusas no cárcere da Galera, da Coruña, en 1863. Unha atención ás excluídas onde Arenal e Juana de Vega, traballando a prol da dignificación das persoas, foron pioneiras. Asemade é un canto ao papel dos libros e a lectura en mellorar a vida das persoas, en dar esperanza ás desesperadas.

Luns 1 de maio, ás 19 h. Sinatura con Arantza Portabales arredor de O home que matou a Antía Morgadena caseta da libraría Agrasar. O mércores 3 de maio, celebrarase, ás 19:30 h, unha presentación da mesma en compaña da escritora Mercedes Corbillón. Esta obra presenta o reencontro, despois de vinte anos, de seis amigos que se reúnen a cear, un 24 de xullo de 2021, en Santiago de Compostela. Baixo o estrondo dos brindes e dos fogos artificiais, un disparo remata coa vida dun deles.

O inspector Santiago Abad e a subinspectora Ana Barroso terán que enfrontarse a este crime nunha nova e apaixonante investigación, e todo apunta a que é, no pasado común deses comensais, onde se atopa a chave da súa resolución. Un tempo adolescente en que eses seis amigos compartían un piso de menores tutelado e onde aconteceu unha traxedia que marcou a todos para sempre: a morte da súa compañeira Antía Morgade.

Nunha carreira contra o reloxo, Abad e Barroso deberán dar o mellor deles para evitar un novo asasinato entre un mar de mentiras, segredos e desconfianzas.

Xoves 4 de maio, ás 18:30 h. Presentación de Mitos e lendas da vella Grecia, de Anisia Miranda. No acto, estarán Fernando Redondo Neira, presidente da Fundación Xosé Neira Vilas, e Xosé Antón Silva, profesor de latín e experto en cultura clásica.

Cunha primera edición en castelán (Cuba, 1966), e a súa tradución para o galego a cargo de Xosé Neira Vilas (1983), Anisia Miranda ofrécenos, en Mitos e lendas da vella Grecia, dun xeito ameno, didáctico e fluído, unha selección dos principais deuses e heroes do Olimpo, de antigas crenzas e de lendas que conforman a base da cultura e da mitoloxía da Hélade, alicerce da occidental, coa pretensión de achegala á xente nova nos seus aspectos máis fundamentais.

Sábado 6 de maio, ás 18 h. Sinatura con Ignacio Vidal Portabales arredor de Illas remotas, Premio García Barros 2022, na caseta da libraría Pedreira.  Neste libro, o tempo transcorre vagaroso nun xogo de espellos, máscaras e realidades posibles. As nenas Cata e Luci fuxindo dun pai brután vagabundean sen rumbo polas calellas de Bogotá. Moi lonxe desa existencia terrible, as irmás Catuxa e Lucía deambulan tamén entre as ruínas dos seus fracasos persoais e profesionais e tentan recompoñer a súa relación fraternal. Todas elas, as nenas, as mulleres, asómanse ao precipicio do futuro sen moitas esperanzas, mais unha herdanza cunha obriga inesperada pode vir mudalo todo. Como illas remotas, Galicia e Colombia semellan afastadas, mais os designios do azar, ou non tanto, e os elos invisibles dunha cadea de afectos quizabes rematen por unir estes mundos tan distantes.

Ás 19:30 h. Presentación con Mercedes Corbillón, arredor de A beleza debe morrerAcompañando a autora, estará o profesor de filosofía Suso Sulleiro.

Mercedes Corbillón mostra, con crueza e clarividencia, as costuras do namoramento, as súa contradicións e a devastación final, os cascallos do desamor sobre os que unha ten que erguer unha nova vida, libre e consciente, da que ser a única soberana.

Domingo 7 de maio, ás 18:30 h. Presentación de Juana de Vega, condesa de Espoz y Mina (1805 – 1872), de Xosé Ramón Veiga. É Juana de Vega (A Coruña, 1805-1872) unha muller tremendamente descoñecida para o gran público, coma tantas outras mulleres que dedicarona súa vida a construír unha sociedade mellor guiadas pola máxima de “cumplrir co seu deber”, neste caso co seu país, coa memoria do seu marido, cos seus correlixionarios progresistas, cos nenos abandonados, cos pobres e enfermos, os perseguidos, os condenados e os faltos de educación formal.

Vémonos na feira!

Comparte nas túas redes sociais ou por email