Presentación de “O mundo de cores de Roque e Lía”, no Centro Comercial Travesía

Categoría: Nova

O venres 28 de abril, celebrarase, ás 18 h, no Centro Comercial Travesía, en Vigo, a presentación de O mundo de cores de Roque e Lía, de Paula Suárez, ilustrado por Nuria Díaz.

Celebrarase un contactos con actividades para as nenas e nenos que acudan ao acto.

Roque e Lía, teñen un xogo secreto grazas ao cal, xunto cos seus amigos da clase, descubriron que hai moitas e diferentes formas de ser, estar, e, por suposto, de pintar as unllas.

Este fabuloso álbum de Paula Suárez, ilustrado por Nuria Díaz, conta unha historia na que impera a empatía, o respecto á diversidade e o compañeirismo.

En palabras da autora, “O mundo de cores de Roque e Lía é o meu acercamento á literatura infantil, o meu primeiro libro baixo a miña mirada pedagóxica froito da experiencia de un e miles de relatos e vidas compartidas coas familias e os nenos e nenas neste recorrido educativo, Roque e Lía suman moitas voces así como todas as persoaxes que os acompañan neste recorrido multicolor”.

Unha lectura imprescindible para medrar en valores.

Paula Suárez. Viguesa de nacemento e desde o ano 2013 residente en Aldán.

Pedagoga, experta en intervención social desde o ano 1997. Perito xudicial e formadora nas áreas da educación e igualdade.

Desde os seus inicios profesionais estivo sempre vinculada ao terceiro sector e en intervención directa con persoas en situación de conflito ou exclusión social e participando en proxectos de educación familiar.

Directora de centros de protección de menores durante dúas décadas, no ano 2014 comezou a traballar por conta propia e creou o seu proxecto empresarial POSITIVANDO Gabinete psicopedagóxico na cidade de Vigo.

Nesta etapa foron xurdindo novas colaboracións con distintas entidades sociais  da comunidade galega que traballan na área da muller, violencia de xénero e colectivos con necesidades educativas especiais como TDAH, AACC, trastornos de conduta e dificultades de aprendizaxe. É coordinadora de formación da asociación TDAH Salnés, Delegada en Galicia da ECAI Balbalika e membro da comisión de coordinación e actividades de APCOPEGAL.

Se Suárez se tivera que definir diría que unifica educación, empresa, feminismo, solidariedade, asociacionismo, comunicación e formación. Coa pedagoxía sempre no centro a cal vai impregnando os seus aprendizaxes e dirixindo as súas metodoloxías de traballo, a súa voz e a súa escrita.

Suma como afección a radio, medio no que tivo ocasión de dirixir durante tres temporadas un programa propio de entrevistas en directo chamado “De viva voz” onde as protagonistas eran as persoas.

Comparte nas túas redes sociais ou por email