Presentación de “50 aniversario Fuxan os Ventos. Quixo o paxaro pousar a póla no seu chío”, en Vigo

Categoría: Nova

O xoves 27 de abril, celebrarase, ás 20 h, na libraría Cartabón de Vigo, a presentación de 50 aniversario Fuxan os Ventos. Quixo o paxaro pousar a póla no seu chío, de Mero Iglesias.

Acompañando o autor, estarán o xornalista Xulio Xiz, e Antón Vidal Andión, presidente do Consello de Administración de Editorial Galaxia.

O acto contará coa interpretación musical do grupo A Quenlla.

Quixo o paxaro pousar na póla o seu chío, de Mero Iglesias, é o libro encargado de festexar 50 anos de música e cultura, un verso en homenaxe e lembranza de amizades cantoras.

Iglesias quixo reflectir as súas memorias, dos 50 anos de Fuxan os Ventos e da música daqueles anos importantes da recente historia de Galicia nesta publicación. 50 anos de sementar.

O autor, recoñece ao comezo do libro que “o entendemento do pasado é complicadísimo. Eu recoñezo que tamén estiven equivocado e tamén pensei que despois dun feito feliz, viña máis felicidade. Case nunca é certo. A felicidade é excepcional e, na fráxil lembranza, desaparece pronto. É unha arma esperanzada de supervivencia, como unhas vitaminas que nos poñen eufóricos e despois traen detrás unha cadea de insatisfaccións. Lección que nos aprende a gozar do presente, é esta unha lembranza fértil para revivir ecos que quedan flotando no aire”

Un libro imprescindible para entender a memoria musical do país. 

Mero Iglesias (Vilalba, 1951). Titulado en Maxisterio, formou parte do grupo Fuxan os Ventos dende a súa fundación en 1972 ata 1983, para despois, con Xosé Luís Rivas (Mini), formar A Quenlla (1984), grupo no que segue activo, en proxectos, concertos e gravacións. En 2007 cede todas as súas recompilación de campo —Cantos, recitados, lendas, contos, bailes, etc.— ao Museo do Pobo Galego para seren dixitalizadas e formar parte do Arquivo do Patrimonio Oral e Inmaterial de Galiza.

Comparte nas túas redes sociais ou por email