O Premio de Novela Pata Negra levará o nome de Domingo Villar

Categoría: Nova

Os premios convocados polo Congreso de Novela e Cine Negro da Universidade de Salamanca anunciaron onte que o Premio de Novela Negra nomearase a partir de agora: Premio de Novela Negra Domingo Villar, homenaxeando ao ilustre e querido escritor vigués.

Este galardón premia a mellor novela negra editada en España e consiste na entrega dun xamón pata negra que se entrega durante o congreso.

A ninguén lle sorprende o agarimo que todo o público tiña e ten por Domingo Villar. Un grandísimo escritor pero, por enriba de todo, unha gran persoa.
Xa era un clásico antes da súa desgraciada perda e seguirá séndoo. Proba disto son os constantes aluimiños e mostras de afecto por parte dos seus fieis lectores e lectoras nas redes sociais, nas homenaxes que se celebran na súa honra… non é ningún segredo que o mundo das letras quedou un pouco máis orfo dende a súa partida.
 
Domingo Villar (Vigo, 1971 – 2022) Coa súa primeira novela, Ollos de auga (2006) iniciou a serie protagonizada polo inspector Leo Caldas. A segunda, A praia dos afogados (2009), supuxo a súa consagración no panorama internacional da novela negra con traducións en todo o mundo. O último barco  (2019), foi a súa derradeira novela dedicada ao famoso inspector.
Coas súas obras obtivo o Premio Frei Martín Sarmiento, o Premio Losada Diéguez e o do Libro do Ano da Federación de Libreiros de Galicia, ademais dos premios Sintagma e Brigada 21. Foi finalista dos Crime Thriller Awards e Dagger International en Reino Unido, do Premio Le Point du Polar Européen en Francia e do Premio da Academia Sueca de Novela Negra.
Editorial Galaxia, casa editora de Domingo Villar en Galicia, publicou no seu catálogo as tres novelas protagonizadas por Caldas, traducidas a linguas como o alemán, o italiano e o sueco, e a súa última novidade Algúns contos completos, ilustrado cos linogravados de Carlos Baonza.

Comparte nas túas redes sociais ou por email