A aparición do libro dixital comportou sen dúbida a inmersión a nivel mundial do sistema editorial nun lento cambio de paradigma que dura ata os nosos días. Nesta carreira cara ao futuro, Galaxia non quixo perder o fío e dende hai xa tempo moitos dos nosos libros están dispoñibles tamén en formato e-pub.
Camiño dos 300 títulos publicados para o público lector dixital, que medra día a día e que cada vez é máis novo da man dos xa nativos dixitais, no catálogo de Galaxia ofrécense dende clásicos como A esmorga de Blanco Amor, Á lus do candil de Ánxel Fole ou Vento ferido de Carlos Casares, homenaxeado nas Letras Galegas deste 2017, ata títulos máis recentes como O derradeiro libro de Emma Olsen de Berta Dávila ou Fontán de Marcos Calveiro, ou, xa para os máis pequenos, as aventuras do gato Boris de Concha Blanco.
Entre os favoritos dos lectores dixitais, poucas diferenzas co papel: Ollos de auga, a primeira entrega de Domingo Villar protagonizada polo inspector Leo Caldas; Made in Galiza, o libro de contos de Sechu Sende pola normalización lingüística; e Memorias dun neno labrego o clásico de Neiras Vilas que xeración tras xeración demostra que a boa literatura non só sobrevive ao tempo, senón que se impón ante calquera formato.