Este Nadal, en galego, a mellor literatura universal

Categoría: Nova

Ao longo deste ano, Editorial Galaxia seguiu ampliando a colección Literaria Universal, unha iniciativa que achega os grandes clásicos da literatura ao lectorado galego, en traducións coidadas e rigorosas. 

Estas son algunhas das obras publicadas recentemente na colección. Libros distintos entre si, pero unidos pola súa capacidade para resistir o paso do tempo e seguir facendo preguntas incómodas.

Washington Square, de Henry James

Tradución de Clara Bouzada

Publicada en 1880, Washington Square é unha das novelas máis finas e implacables de Henry James. A historia de Catherine Sloper, aparentemente insignificante aos ollos do seu pai e da sociedade, convértese nun retrato memorable da opresión patriarcal e da rebelión silenciosa dunha muller disposta a pagar un alto prezo pola súa dignidade. Un clásico de lectura, que gaña novos matices nesta tradución ao galego.

Indiana, de George Sand

Tradución de Isabel Soto

Primeira novela de Amantine Aurore Dupin, baixo o pseudónimo de George Sand, Indiana (1832) é unha obra pioneira na denuncia das condicións de vida das mulleres casadas no século XIX. A través dunha protagonista complexa e afastada de tópicos, a autora cuestiona o matrimonio convencional, explora o amor, a liberdade e a emancipación feminina; e ofrece un retrato crítico da sociedade francesa do seu tempo. 

Os castelos de Athlin e Dunbayne, de Ann Radcliffe

Tradución de María Fe González Fernández

Publicada en 1789, esta obra é unha das pezas fundacionais da novela gótica. Ambientada nas Highlands escocesas, combina paixóns, vinganzas, crimes e ideais de honra nun escenario de castelos e paisaxes sobrecolledoras. 

Tres mulleres. Medo. Vinte e catro horas na vida dunha muller. Carta dunha descoñecida, de Stefan Zweig

Tradución de María Alonso Seisdedos

Nestes tres relatos, Stefan Zweig demostra por que é un dos grandes narradores da psicoloxía humana. As súas protagonistas son mulleres marcadas polos desexos reprimidos, a culpa, o medo e as convencións sociais. Con unha prosa elegante e contida, Zweig afonda nos recunchos máis fráxiles da intimidade, construíndo retratos que seguen a resultar incómodos pola súa honestidade.

Cranford, de Elizabeth Gaskell

Tradución de María Ramos Salgado

Cranford é un delicado retrato dunha pequena vila inglesa en tempos de cambio. A través dun elenco maioritariamente feminino, Elizabeth Gaskell constrúe unha novela chea de humor, ironía e humanidade, onde o cotián convive coas grandes transformacións sociais da Revolución Industrial. Un clásico entrañable, lido con admiración por Dickens e E. M. Forster, que mantén intacta a súa vixencia.

Menos que humano, de Osamu Dazai

Tradución de Gabriel Álvarez Martínez

Considerada a gran novela de Dazai, Menos que humano é un descarnado retrato da alienación e da imposibilidade de encaixar no mundo. A través da figura de Yozo Oba, o autor explora a máscara social, a autodestrución e a culpa nun relato de fondo autobiográfico que impacta pola súa honestidade. Un clásico da literatura xaponesa do século XX, agora dispoñible en galego.

Con estas incorporacións, esta colección busca facer accesibles, na nosa lingua, textos fundamentais da literatura universal. E vós, con que lectura vos quedades? 

Comparte nas túas redes sociais ou por email