Washington Square publicouse por primeira vez por entregas na revista inglesa Cornhill (xuño-novembro de 1880) e como novela en decembro dese mesmo ano. A obra, protagonizada por unha “fea e parva” Catherine (en palabras da protagonista), afonda nas relacións familiares dunha rica vinculeira cando o atractivo Morris Townsend pousa os seus ollos nela con intencións matrimoniais. O doutor Sloper, epítome do concepto de patriarcado, intenta protexela nun precario equilibrio entre o amor paterno-filial e a misoxinia. Con todo, a “vulgar” e “pouco interesante” Catherine é quen de erguerse, entre todas as demais personaxes, nun case heroico acto de rebeldía feminina disposta a pagar un alto prezo pola súa liberdade e por salvagardar a dignidade.
(Nova York, 1843-Londres, 1916) foi un escritor e crítico que traballou xéneros literarios que van da crítica social á novela gótica, onde analiza a sociedade neoiorquina de finais do século XIX, afondando na psicoloxía das personaxes e creando protagonistas femininas que loitan por atopar o seu espazo vital diante dos prexuízos sociais da época.
Destaca por ser o primeiro escritor do seu tempo interesado en desentrañar a psicoloxía feminina. En palabras de Graham Greene: “Quizais Washington Square sexa a única novela onde un home é quen de invadir o campo feminino producindo unha obra comparable ás de Jane Austen”.
Foto do autor: © William M. Vander Weyde