Texto traducido por María Ramos Salgado
Cranford é a obra máis popular de Elizabeth Gaskell. A través da figura de tres irmás solteiras, asistimos aos pequenos e grandes acontecementos da vila: matrimonios, mortes, estreiteces económicas… Un fráxil microcosmos rural que as grandes mudanzas sociais da Revolución Industrial estaban a transformar axiña para pasmo dos seus veciños.
A paisaxe, a ambientación, o humor e a ironía, converten esta novela nun gozo para os sentidos. Conta ademais cun moi interesante elenco de personaxes femininos observados con profundidade e afecto pola autora.
Esta novela, en palabras de Dickens e de Edward MorganForster, resulta “un exquisito retrato social”, unha obra “tenra e deliciosa” que mantén todo o seu atractivo, malia o tempo que transcorreu dende a súa publicación.

(1810-1865) naceu en Londres, filla dun pastor e xornalista. Orfa de nai, foi educada por unha tía na vila de Knutsford, en Cheshire, fonte de inspiración para ambientar moitas das súas narracións. En 1832 casou con William Gaskell, de quen tomou o apelido, establecéndose no Manchester de comezos da Revolución Industrial. Durante anos dedicouse á familia e a labores de caridade. Non comezou a súa carreira literaria ata 1845, tras a morte do seu fillo. En 1848 publicou a súa primeira novela, Mary Barton, coa que obtivo un éxito inmediato, que levou a Charles Dickens a pedirlle que colaborase nas súas revistas literarias, onde publicou Cranford por entregas entre 1851 e 1853. Converteuse así nunha das máis sonadas escritoras da época vitoriana. As súas historias supuxeron una crítica ás actitudes e convencionalismos da época, en especial ás que afectaban as mulleres, con personaxes femininos cheos de forza e de carácter.