Chegamos a decembro tras un ano de celebracións arredor dos 75 anos de historia de Editorial Galaxia. Un ano de encontros, actividades e memoria compartida que tivo na Biblioteca 75 aniversario unha das súas apostas editoriais centrais: un proxecto pensado para recuperar en poñer en circulación textos que axudaron a construír a nosa cultura e que seguen a falar con forza ao presente.
Ao longo destes meses, a colección foi medrando con títulos moi diversos, unidos por un mesmo fío: a vontade de renovación e compromiso cultural que definiu Galaxia desde 1950.
Unha biblioteca formada por títulos como As poetas da colección Salnés, con introdución e escolma de Patricia Arias Chachero, con textos de Xohana Torres, María do Carme Kruckenberg, Pura Vázquez, María Manuela Couto e Anne Marie Morris; A cociña galega, de Álvaro Cunqueiro, con limiar de Javier Olleros e ilustracións de Maruxa Caeiro; Leccións de gaita, de Enrique Otero Covelo, en edición de Xaime Estévez Vila; No lindeiro do bosque. A tradución nos primeiros anos de Grial, con introdución e escolma de Tamara Andrés e Ana Luna Alonso; Lonxe de nós e dentro e outras páxinas, de Camilo Gonsar, con introdución de Antía Yáñez; Dar voz ao teatro galego. O premio Castelao de teatro 1964-1967, con introdución de Cristina Domínguez Dapena; Sempre en Galiza. Escolma posible, de Castelao, en edición de Henrique Monteagudo e con introdución de Xosé Manuel Dasilva; e a Antoloxía do conto galego de tradición oral, de Maruxa Barrio e Henrique Harguindey, con introdución de Antonio Reigosa e ilustracións de Agustina Shuan.
Unha colección que recupera textos clave, reivindica voces decisivas e reafirma o compromiso de Galaxia coa cultura galega. 75 anos creando porvir.