O volume que aquí se presenta é un eco da Escolma posible realizada por Marino Dónega e publicada por Galaxia en 1964, ano en que a RAG dedicou o Día das Letras Galegas a Castelao, mais a que agora se publica incide no pensamento político do rianxeiro, que na primeira aparecía de xeito minguado e parcial, non seguindo o criterio do antólogo nin da editorial, debido ás limitacións impostas polo franquismo.
Nesta cinguímonos a un único título, Sempre en Galiza, un conxunto de textos de distinto carácter producidos en circunstancias diferentes e dirixidos a públicos diversos.
Os elementos que dan unidade á obra son o fondo ideolóxico que a atravesa e a intención de informar da defensa do carácter nacional de Galicia e do seu dereito ao autogoberno.
Sempre en Galiza é unha obra de lectura ardua nalgunhas partes para o público non especialista, pero que calquera galego ou galega cun mínimo de inquedanza cultural debe coñecer. Polo tanto, na presente escolma, realizada por Henrique Monteagudo, director da Cátedra Institucional Castelao da USC, procúrase ofrecer unha imaxe fiel da obra para achegala a un público amplo, facilitando a súa comprensión e alixeirándoa de contados redundantes, secundarios ou de interese menor.
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (Rianxo 1886-Bos Aires 1950) é unha das personalidades máis ricas e fecundas do movemento galeguista. Licenciado en Medicina, abandonou moi cedo a práctica desa profesión para dedicarse ás que eran as súas verdadeiras vocacións: a arte e a reivindicación integral de Galicia. A súa actividade desenvolveuse na creación literaria, no xornalismo gráfico, na pintura, no teatro e na política. Membro destacado da Xeración Nós e home comprometido, no marco do Partido Galeguista, coa defensa da autonomía para Galicia e coa causa republicana, a súa figura alcanzou co paso do tempo unha dimensión mítica. Entre as súas obras máis importantes están Cousas, Cousas da vida, Os vellos non deben de namorarse, Os dous de sempre, Sempre en Galiza e Retrincos.
En 2011 a Xunta de Galicia declarou a súa obra Ben de Interese Cultural.