Editorial Galaxia anuncia novas reimpresións do seu catálogo

Categoría: Nova

É un pracer para Editorial Galaxia anunciar a reimpresión de catro títulos destacados, que continúan a conquistar novas lectoras e lectores:

Na colección Árbore, Dormente, de Raquel Castro, ilustrada por Laura Veleiro, acada a 7ª reimpresión. Lectura recomendada a partir dos 12 anos, neste libro hai unha princesa… mais, estará durmida? Será que non quere espertar? Por que queren que esperte? Para casala con quen non quere?

Dormente… unha princesa diferente. Cambiamos o conto? Animádevos a lelo para responder a todas as preguntas.

Contas de buxo, de Raquel Fernández Fernández, reimprímese por terceira vez. Publicada na colección Costa Oeste, conta a historia de Lara, unha adolescente que saca boas notas e que nunca dá problemas, pero iso muda cando abandona Gondomar e sobe a un autobús sen lle dicir a ninguén a onde vai. Tras dela, un desengano amoroso, os silencios da súa familia e un león que, sen descanso, a persegue nos seus pesadelos. 

Na súa versión Lectura Fácil, Memorias dun neno labrego, de Xosé Neira Vilas, acada a 2ª reimpresión. Lucía Gómez Álvarez adaptou á unha das obras máis importantes da literatura galega, a máis lida e traducida.  O seu protagonista, Balbino, un rapaz de aldea de mediados do século XX observa o mundo que arrodea e adoece por entendelo, pero ninguén lle dá as respostas que precisa. Unha obra imprescindible que nos axuda a entender a nosa sociedade dende a inocencia dun rapaz de aldea, coma quen din, un ninguén, e ademais pobre.

Unha versión accesible que continúa a emocionar xeracións ao relatar a vida do noso querido Balbino. Unha publicación que amosa o noso compromiso por achegar unha cultura integradora, accesible para a toda a sociedade.

Por 3ª vez reimprimimos a obra, publicada na colección Literaria, Unha cervexa Chang, de Manuel Portas. Unha publicación que explora mares narrativos que nunca antes navegara, introducíndonos no mundo da investigación pseudodetectivesca, no do comercio ilegal dos tesouros perdidos, nunha trama en que nada é o que a priori pode parecer.

Grazas ao apoio das lectoras e lectores, estas obras continúan a brillar no panorama literario galego. Seguimos a traballar por unha literatura viva e accesible para todas as persoas.

Comparte nas túas redes sociais ou por email