Xoán Rubia regresa cun retrato íntimo da Galicia rural

Categoría: Nova

Xoán Rubia recolle, en O practicante rural, o día a día, as relacións humanas e os desafíos dunha sociedade en transformación.

Baseada na súa experiencia persoal, e cun limiar de Antonio Campos Romay, a novela explora temas universais como a solidariedade, a resistencia e a esperanza. Pon o foco na importancia das relacións humanas e da conexión coa contorna. Cunha linguaxe evocadora, Rubia crea un espazo no que o lector pode recoñecer ecos do pasado e comprender mellor a complexidade da memoria colectiva.

En palabras do autor, esta é unha modesta homenaxe aos compañeiros e compañeiras de profesión que nalgún intre se viron mergullados na soidade dalgunha vila ou aldea de Galicia coa encomenda de ofreceren un servizo público á cidadanía.

Un relato próximo que invita á reflexión sobre o noso legado cultural e social, dispoñible agora na colección Memoria de Editorial Galaxia.

Xoán Rubia (Mugardos, 1947) comezou os estudos de música na súa vila natal, e en 1968 entrou en contacto co movemento da Nova Canción Galega, en Santiago de Compostela, representado daquela polo colectivo Voces Ceibes.

Gravou os seus primeiros traballos discográficos en 1969 coa compañía Edigsa, en Barcelona, logo con Philips e, máis tarde, con Zafiro-Novola.

Entre os seus discos destacan Cantares da miña terra (1973), Lembranzas (1977) e Nadal (1980), así como a recompilación A gran escolma da música galega (1993), entre outros.

Colaborou en prensa con artigos de opinión en medios como Diario de Ferrol e Galicia Digital e publicou os libros Pasaba por alí. E quedei un intre (Galaxia, 2021) e Cartas a Michi (2023).

Comparte nas túas redes sociais ou por email