Tal día coma hoxe, un 7 de xaneiro de 1950, morría, en Bos Aires, na quinta provincia galega, o escritor, pintor e político Afonso Daniel Rodríguez Castelao.
Un referente cultural e unha das figuras máis representativas do nacionalismo galego. Foi presidente do Consello de Galicia no exilio e un firme defensor da identidade e a lingua galega. A súa obra, que abarca literatura, debuxo e pintura, tivo un grande impacto na nosa cultura, especialmente no ámbito da crítica social e política, e na loita polo recoñemento da Galiza como nación.
Dende Editorial Galaxia, hoxe, queremos lembrar a un persoeiro que foi un símbolo da loita por unha Galicia máis xusta e libre. Castelao foi un creador total, o seu talento brillaba na literatura, no debuxo, no pensamente e na política, sempre poñendo a sociedade e a terra como protagonistas. As súas verbas e imaxes son espellos nos que a nosa terra recoñece a súa historia, as súas dores e soños. Obras como Sempre en Galiza ou os relatos de Cousas, non só forman parte do noso patrimonio cultural, senón que seguen funcionando como unha invitación á acción e á reflexión.
Exiliado como tantos intelectuais da época, nunca deixou de ser un embaixador da nosa lingua e identidade. Nunca esqueceu a súa querida Galicia, a que soñaba máis unida, máis consciente de si mesma, e máis dona do seu destino.
Hoxe, a mellor homenaxe que podemos facer é manter vivo o seu pensamento. Ler a súa obra, debater as súas ideas, recoñecer o seu exemplo. Pois como el ben dixo, Se aínda somos galegos, é por obra e graza do idioma. O seu legado é un recordatorio de quen somos como pobo.