A maxia das nosas historias

Categoría: Nova

Nestas datas nas que agardamos a chegada dos Reis Magos, non perdamos a oportunidade de pedirlle como agasallo historias que nos acompañen durante todo o ano.

Deixámosvos algunhas ideas para incluír nas vosas listaxes de desexos:

“O pequeno libro da intrépida Éire”, de Juáncho. Publicada na colección Xohán Ledo. Unha historia máxica, ateigada de fermosas ilustracións, onde Éire, unha nena valente, e un libro rebelde nos guían por unha viaxe chea de misterios e descubrimentos. Un agasallo perfecto para cativos con ganas de aventuras!

“Vilapaspán”, de Rodrigo Cota e Fernando Tomé. Unha proposta que nos convida a reflexionar sobre unha extraña sociedade, a través dunha mestura de fantasía e realidade. Publicada na colección Banda Deseñada, é ideal para quen busca unha lectura diferente, cunhas ilustracións magníficas, e unha imaxinación desbordante.

“Pirata pregunta por ti”, de Ana María Fernández, ilustrado por Lili Algo. Unha historia sobre a perda e a lembranza, recomendada a partir dos 10 anos. Un sentido diario dunha nena ante a perda da súa avoa, no que celebra a vida e as lembranzas con ela, coa compaña do seu fantástico gato, Pirata.

Papóns”, Premio Alberte Quiñoi de Álbum Ilustrado, de Sandra Lodi. Publicado na colección Álbum, recomendado a partir dos 5 anos, unha proposta que pon en valor a necesidade de preservar e protexer a natureza. De respectar os animais e darlles o seu propio lugar. Unha historia de xenerosidade que pon o foco no protagonismo que xogarán as novas xeracións como exemplo de conciencia. 

“Sucos”, Premio Simbad para o Recordo e o Alzhéimer 2023, de Ignacio Vidal Portabales, ilustrado por Sandra Lodi. Publicado na colección Árbore, recomendada a partir dos 8 anos, amosa a relación entre unha nena e o seu avó, unha extraordinaria aventura na que ambos percorrerán camiños e leiras, acompañados do agarimo que os une.

“As vinte fadas de Lala Rus”, de Xoán Babarro, ilustrado por Ana Tasende. Publicado na colección Árbore, está recomendada para a partir dos 10 anos. Lala Rus descóbrenos unhas fadas que cantan as súas propias cancións, mais tamén exercen de bibliotecarias, pescantinas, adestradoras, labregas, actrices, voluntarias en onegués, fotógrafas… Unhas fadas fantásticas que poden facer todo o que queiran.

Pedídelle aos Sabios de Oriente libros que vos fagan pensar, reflexionar e soñar. A mellor maneira de viaxar é facelo a través das páxinas dunha boa historia.

Comparte nas túas redes sociais ou por email