Reunido en Santiago de Compostela o xurado do III Premio de Novela Camiño de Santiago, que convoca a Academia Xacobea, e logo dunha ampla deliberación, resultou gañadora a obra “Argonautas no labirinto” do escritor Fernando García Calderón.
O xurado, formado por Marcelino Agís Villaverde, como presidente, Armando Requeixo Cuba, Ulises Bértolo, Luis Celeiro e Alba Gil, como secretaria; quixo salientar a elevada participación da presente edición, á que se presentaron 24 orixinais, en lingua galega e castelá, de alta orixinalidade e calidade e felicitar a todos as autoras e autores que participaron.
O xurado salientou en Argonautas no labirinto o atractivo da súa proposta de thriller histórico, arquitecturizado servíndose do elemento simbólico do xogo da Oca, de longa tradición literaria, e estruturado a modo de narrativa hiperficcional que demanda da construción colaborativa por parte do lectorado.
Escrita cunha prosa depurada e áxil, a trama, que progresa con gran fluidez, debrúzanos nunha historia onde os personaxes mozos teñen papel protagónico, o que abre esta narración a unha lectura dupla que agradará por igual ao público xuvenil e ao adulto.
Fernando García Calderón (Sevilla, 1959) conta cunha longa e exitosa traxectoria literaria que inclúe tanto libros de relatos como novelas, algúns dos cales recibiron prestixiosos premios, tales como o Premio Félix Urabayen ou o Premio de Novela Ateneo de Valladolid.