Adaptado á lectura fácil por Lucía Gomez Álvarez
Balbino é un rapaz da aldea de mediados do século XX que observa o mundo que o arrodea e adoece por entendelo, pero ninguén lle dá as respostas que precisa.
Velaquí unha das obras fundamentais da literatura galega contemporánea, o máis lido e o máis traducido, agora adptado á lectura fácil.
Neira Vilas (Vila de Cruces, 1928-2015) é sen dúbida un dos escritores máis sobranceiros do noso país. A súa vida e a súa obra están marcadas pola emigración, que el viviu en primeira persoa en Arxentina e Cuba. Dese sentir nace Memorias dun neno labrego, un dos libros máis famosos das letras galegas. A mestría do Neira Vilas narrador amósase nese e noutros moitos libros que lle valeron o recoñecemento da sociedade galega.
Ao longo da súa vida Neira Vilas recibiu numerosos galardóns, como por exemplo a Medalla Castelao en 1988. Nos Premios da Edición que concede a AGE recibiu o Premio Xosé María Álvarez Blázquez ao autor do ano 2010. En 2014, recibiu, na modalidade de Letras, o Premio da Cultura Galega que concede a Xunta de Galicia e en 2015, a Medalla de Ouro de Galicia.