Cinco lecturas para vivir grandes aventuras

Categoría: Nova

Vampiros sospeitosos, segredos agochados no mar, meigas que usan WhatsApp, viaxes á deriva sobre o xeo e unha Rosalía de Castro por descubrir. Recomendamos cinco lecturas infantís e xuvenís para que cada lectora e lector atope a súa próxima historia.

Para quen non se fía dos vampiros demasiado simpáticos

“Operación Morcego”, de Mara Méndez

Ester está convencida de que o noivo da súa irmá é un vampiro e non pensa quedar cos brazos cruzados. Co seu gato Millo, a súa cuadrilla e os petos cheos de allos e auga bendita, pon en marcha unha misión secreta para descubrir a verdade.

Unha aventura divertida e entolecida para lectoras e lectores con espírito investigador e ganas de salvar a familia antes da merenda.

Para quen sabe que o mar sempre garda algún segredo

“O mar que me levou”, de Silvia Fernández Recouso

Sel ten que pasar o verán na vila do seu avó Tito, un mariñeiro retirado ao que apenas coñece. O que semellaba un verán marcado polo aburrimento cambia cando el e Noa descobren que Tito lanza cada mañá unha botella ao mar.

Unha historia para quen goza seguindo pistas, descubrindo segredos familiares e escoitando todo aquilo que permanece agochado entre os silencios.

Para quen quere descubrir a Rosalía que non aparece nos retratos

“Rosalía Oculta”, de Paula Mayor

Rosalía de Castro foi unha muller avanzada ao seu tempo, pero detrás da figura que coñecemos quedan aínda moitas preguntas. Esta novela gráfica achégase á escritora, á súa loita por expresarse libremente e aos temas sociais presentes na súa obra.

Unha lectura para quen desexa coñecer outra Rosalía: inconformista, valente e moito máis complexa do que ás veces nos contaron.

Premio Castelao de Banda Deseñada 2023 e Premio Follas Novas do Libro Galego 2026 ao libro de banda deseñada, gráfico e humor.

Para quen convertería un iceberg nun barco de aventuras

“Iceberg”, de Carlos Labraña

Osa Nai deixa a súa cría ao coidado de Inuk mentres vai buscar comida. Pero o xeo onde se atopa o seu iglú escacha e os dous amigos comezan unha viaxe á deriva sobre un iceberg.

Premio O Facho de Teatro Infantil 2025, con ilustracións de Sara Romero.

Para quen cre que as meigas tamén poden ter un grupo de WhatsApp

“Meigas”, de Esteban Folgar Brea

As meigas desta historia non rouban nenos nin lle fan dano á xente. Viven entre nós, axudan a quen o precisa, bailan, van de festa e tamén se comunican por WhatsApp.

Xiana, unha rapaza de 16 anos e neta dunha meiga, quere seguir os pasos da súa avoa. Para conseguilo terá que superar un exame no que só hai dúas prazas.

Edición da colección Lectura Fácil, adaptada por Jesús Meiriño e ilustrada por Agustina Shuan.

Un libro para cada maneira de ler

Cinco historias diferentes para investigar, viaxar, aprender, rir e descubrir novos mundos. 

Podedes descubrir máis historias no noso catálogo do Plan Lector premendo aquí.

Comparte nas túas redes sociais ou por email