Editorial Galaxia publica “Os abandonos”, a nova novela de Antón Riveiro Coello, coa que se inaugura a Biblioteca Riveiro Coello.
Nesta proposta, Riveiro Coello constrúe unha novela absorbente e dura arredor de Delfina, unha muller difícil, caprichosa e egoísta, cun trastorno narcisista da personalidade e un mundo de ficción no que adoita refuxiarse. Próxima aos oitenta anos, comeza tamén a padecer demencia e entra nunha situación de dependencia que altera as súas defensas e afecta profundamente a súa contorna familiar.
As súas fillas, Lucía e Susana, reúnense en Compostela para tomar a inevitable decisión de ingresar a súa nai nunha residencia da terceira idade. Porén, no último momento, Delfina desaparece sen deixar rastro. Mentres agardan noticias e se preparan para o peor, as dúas irmás comezan a descubrir que levan toda a vida convivindo cunha descoñecida.
Escrita desde a dor e as feridas de Lucía, a novela aborda cuestións delicadas como os coidados, a vellez, a saúde mental, os abusos e a complexidade dos sentimentos familiares. A desaparición de Delfina convértese así no punto de partida dunha historia sobre os vínculos, os silencios e as feridas que atravesan unha familia.
Con esta publicación, Editorial Galaxia inaugura a Biblioteca Antón Riveiro Coello, dedicada a un dos autores de maior prestixio da narrativa galega actual. A súa obra foi traducida a varias linguas e recoñecida con numerosos galardóns, entre eles o Premio García Barros, o Premio Álvaro Cunqueiro de Narrativa, o Premio da Crítica Española, o Premio de Narrativa da AELG, o Premio Torrente Ballester e o Premio San Clemente.
Nado en Xinzo de Limia en 1964, Antón Riveiro Coello é autor dunha extensa traxectoria literaria na que figuran títulos como “As rulas de Bakunin”, “Laura no deserto”, “Os elefantes de Sokúrov”, “O paraíso dos inocentes”, “Días de intemperie” e “Hotel Carioca”.