Celebramos o Día Internacional da Tradución recomendando a nosa literatura universal

Categoría: Nova

Hoxe, 30 de setembro celébrase o Día Internacional da Tradución, unha data que pon en valor o labor que permite que historias escritas noutras linguas cheguen a novas lectoras e lectores.

Poucos días despois do Día Europeo das Linguas, celebrado o 26 de setembro, recuperamos catro títulos da colección Literaria Universal: catro obras, autores e universos literarios moi diferentes que podemos descubrir en galego.

Os castelos de Athlin e Dunbayne, de Ann Radcliffe

Tradución de María Fe González

Publicada en 1789, Os castelos de Athlin e Dunbayne é unha das obras aurorais da novela gótica.

Ambientada nas Highlands escocesas, mergúllanos nunha historia de amores, crimes, traizóns e vinganzas, na que a honra, a nobreza dos sentimentos e a rectitude no obrar sosteñen un mundo de valores medieval.

As paisaxes, os castelos, as paixóns e a determinación dos seus personaxes constrúen un relato cheo de aventuras e reviravoltas inesperadas ata chegar a un final impactante e imprevisible.

Tres mulleres. Medo. Vinte e catro horas na vida dunha muller. Carta dunha descoñecida, de Stefan Zweig

Tradución de María Alonso Seisdedos

Irene Wagner, Mrs. C. e unha anónima descoñecida protagonizan tres breves obras de Stefan Zweig: Medo, Vinte e catro horas na vida dunha muller e Carta dunha descoñecida.

Tres retratos femininos arredor dos desexos, fracasos, pensamentos e medos das súas protagonistas, nos que Zweig afonda na súa psicoloxía e nun tempo no que os prexuízos sociais e morais condicionaban a liberdade e a independencia das mulleres.

Cranford, de Elizabeth Gaskell

Tradución de María Ramos Salgado

Cranford é a obra máis popular de Elizabeth Gaskell.

A través da figura de tres irmás solteiras asistimos aos pequenos e grandes acontecementos dunha vila: matrimonios, mortes ou estreiteces económicas forman parte dun fráxil microcosmos rural que as transformacións sociais da Revolución Industrial comezan a mudar rapidamente.

A paisaxe, a ambientación, o humor e a ironía acompañan un amplo elenco de personaxes femininos observados pola autora con profundidade e afecto.

Menos que humano, de Osamu Dazai

Tradución de Gabriel Álvarez Martínez

A través de tres fotografías e varios documentos autobiográficos coñecemos episodios da infancia e da mocidade de Yozo Oba, un inadaptado que, desde moi novo, cuestiona a hipocrisía, as incongruencias e aquilo que considera negativo na humanidade.

Incapaz de comprender os demais, adopta o papel dun bufón como forma de relacionarse co seu contorno. Máis adiante, tras mudarse a Toquio para continuar os estudos, traizoará as expectativas paternas e entrará nunha espiral de alcol, mulleres e comportamentos destrutivos.

Menos que humano é a gran novela de Osamu Dazai (1909-1948), un dos escritores máis relevantes da literatura xaponesa da primeira metade do século XX.

Comparte nas túas redes sociais ou por email