Oversize, de Marta Boente, é unha historia sobre o cotián, a memoria, o azar e a maneira na que aquilo que sucede ao noso redor acaba impactando nas nosas vidas.
A protagonista de Oversize é unha dependenta que avanza por Madrid para ir a unha formación de traballo entre a rutina do día, accidentes e titulares.
Confeccionada a través dun álbum de recordos propio, esta historia procura falarnos do que pasa ao noso carón sen apenas rozarnos e, ao mesmo tempo, do que impacta en nós sen previo aviso. Da relación, en definitiva, que se tece entre o noso corpo e o azar. E de como nos senta o que o azar nos vai entregando.
Porque Oversize é algo así como unha viaxe ou, máis ben, unha odisea. Unha odisea do cotián.
Nas súas notas arredor da obra, Marta Boente explica a orixe dun libro no que memoria, experiencias persoais e traxedias colectivas se van entrelazando:
«Oversize foi, antes de novela, un exercicio de malabarismo na memoria de recordos e imaxes que se amoreaban e unían entre si formando algo cada vez máis grande que, ante a dificultade de atopar tempo para escribir non quedou outra que mantelas así: “en movemento, suspendidas no aire”.»
A historia transcorre entre titulares dalgunhas das traxedias que marcaron as últimas décadas: o incendio da discoteca Alcalá 20 en 1983, o accidente do JK5022 en 2008, o accidente do Alvia na curva de Angrois en 2013 ou o afundimento do Vila de Pitanxo en 2022.
A autora sinala tamén:
«Oversize funciona como unha biografía da roupa, das historias que as prendas agochan, é unha viaxe entre traxedias reais, familiares ou colectivas.»
A roupa, os tecidos e o corpo atravesan así unha novela protagonizada por unha muller cunha vida e un traballo cotiáns, coas súas frustracións, experiencias e expectativas. Unha historia na que adaptarse, encaixar ou encoller funcionan tamén como formas de falar do que nos acontece na vida.
Xa en librarías!
Marta Boente (O Porriño, 1976). Cursou Deseño de Moda en Vigo. Traballou como deseñadora infantil, de axudanta de vestiarios en espectáculos nunha produtora e como dependenta nunha perfumería da súa vila durante varios anos ata volver ao téxtil, como axudanta de vestiarios nunha serie do audiovisual galego, e deseñando e pintando á man dúas coleccións para o grupo Malvela. No sector cosmético é onde consolida a súa vida laboral e, desde o 2006, traballa nunha perfumería en Vigo. É nai de xemelgas, e comezou a escribir en 2022. Esta é a súa primeira novela.