Celebramos con orgullo

Categoría: Nova

Hoxe celebramos o Día Internacional do Orgullo LGTBIQ+, unha causa fundamental para nós como editorial e na que cremos firmemente.

A orixe desta conmemoración atópase na madrugada de 1969, nos chamados disturbios de Stonewall. Foi a primeira vez que a comunidade LGTBIQ+ xuntou forzas para reivindicar os seus dereitos, contra a opresión do sistema estadounidense, en protesta dunha redada policial no pub Stonewall Inn, en Greenwich Village, (Nova Iorque). Ao ano seguinte, organizáronse as primeiras marchas nesta cidade e nos Ánxeles, ás que pouco a pouco fóronse engadindo outras urbes do mundo enteiro.

Hoxe, cincuenta e catro anos despois, o Orgullo está presente en moitos países en forma de festexos, desfiles cheos de cores nas rúas e a realidade de que, aínda, queda moito por facer en materia de dereitos para estes colectivos.

O compromiso na loita pola igualdade e visibilidade deste colectivo, por parte de Galaxia, pódese ver nas nosas publicacións para público adulto e infantil. As nosas propostas buscan incidir na necesidade de realizar cambios e ampliar a mirada social:

Identidade, de Nee Barros

Publicada na colección Costa Oeste, Identidade é unha obra de teatro na que acompañamos ao protagonista, Zé, nunha transición que confrontará moitos prexuizos e descoñecemento ao seu redor. Un libro que defende a importancia da palabra para visibilizar e entender outras realidades.

Extraordinario, XII Premio Narrativa Breve Repsol 2018, Premio da Crítica Española 2018; de Antón Lopo

Unha novela sobre as relacións familiares e o amor, pero tamén sobre a aprendizaxe de vivir, a identidade, a liberdade e o pracer.

Para público infantil:

Cambia o conto, de Música Miúda, ilustrado por Xosé Tomás

É unha proposta que mestura o máis puro ritmo musical coa poesía visual do ilustrador Xosé Tomás, reinventando personaxes e contos tradicionais, para rachar cos estereotipos de xénero.

Faro e o seu día importante, de Alfredo Blanco Martínez, ilustrado por Ana Santiso

Unha lectura que abraza a diversidade e anima ás nenas e nenos a atravesar os seus medos, na busca da autonomía e o desenvolvemento persoal. Amosa unha estructura familiar diversa, cos matices e sensibilidade propios dunha obra esencial.

O mundo de cores de Roque e Lía, de Paula Suárez, ilustrado por Nuria Díaz

Este fabuloso álbum conta unha historia na que impera a empatía, o respecto á diversidade e o compañeirismo. En palabras da autora, “O mundo de cores de Roque e Lía é o meu acercamento á literatura infantil, o meu primeiro libro baixo a miña mirada pedagóxica froito da experiencia de un e miles de relatos e vidas compartidas coas familias e os nenos e nenas neste recorrido educativo, Roque e Lía suman moitas voces así como todas as persoaxes que os acompañan neste recorrido multicolor”.

A receita do queixo lunar, de Paloma de Toro, ilustrado por Nuria Díaz

O álbum de Paloma de Toro, adobiado coas fantásticas ilustracións de Díaz, incide na defensa da diversidade e convida ás nenas e nenos a abrazala. Amosa outras realidades, e a posibilidade de amar dunha maneira diversa. As protagonistas desta historia, Petroski e Teresa, demostran como un posible temor ao descoñecido pode transformarse en confianza e cooperación, grazas á curiosidade de comprender outras circunstancias.

Comparte nas túas redes sociais ou por email