O mércores 28 de xuño, celebrarase, ás 20:30 h, na libraría Numax de Santiago de Compostela, a presentación de Xeración, Premio Victoriano Taibo 2022, de Javier Rodríguez González.
Acompañando o autor, estará a escritora Maica Caramés Gorgal.
Publicado na colección Dombate, este poemario foi o gañador do Premio Victoriano Taibo 2022. Propón unha desencantada crónica dos anos de xuventude e retrato mordaz das doenzas da realidade social e cultural deste tempo, Xeración (breve tratado de males inespecíricos) é un repertorio de desafeccións, de recontos necesarios, de paixóns e militancias fenecidas. Unha proposta inconformitas, alicerzada na liberdade creadora, que conxuga as imaxes irracionais e o ton elexíaco coa incesante presenza da ironía e do apuntamento satírico. Evocación da mocidade extraviada, mais tamén discurso poético que expresa inquedanza ante outras cuestións emerxentes, como o ensimesmamento tecnolóxico, a tentación narcisista e o adanismo revolucionario.
Javier Rodríguez González (Ourense, 1983) é profesor e poeta. En galego publicou Do arcano voo da transparencia (Premio Eloy Lozano, 2021) e Unha casaca escarlata (Premio Eduardo Pondal, 2021); en castelán, Preludio a la ceguera (2014) e Corredora de fondo (Premio Internacional de Poesía “Miguel Hernández-Comunidad Valenciana”, 2021).