“O acto máis sublime de amor que eu coñezo é contar unha historia” repetía sempre Xabier P. Docampo. Isto aprendeuno axiña, xa de neno escoitando de neno as historias do seu pai Raimundo.
E esta afirmación guiou todas as facetas da súa vida: como mestre e pedagogo, como actor e director de teatro, como guionista de vídeo e televisión, como locutor radiofónico ou columnista en xornais, como escritor e narrador oral. Xabier P. Docampo tiña o don da palabra, el falaba coa súa voz poderosa de chairego e todos aos seu arredor, pequenos e maiores, quedabamos engaiolados.
“Fíxenme escritor porque teño memoria de min e dos meus, porque habito a lingua e a infancia, as dúas patrias do ser humano” afirmou nalgunha entrevista. E eses dous elementos, lingua e infancia, están no celme da súa obra, na defensa da literatura infantil e xuvenil e do galego.
Autor de Cando petan á porta pola noite (1994) un libro fulcral na LIX galega que supuxo a súa consagración como escritor recibindo o Premio Nacional de Literatura, e gañando tamén o White Raven, e entrando na lista de honra da IBBY. Un libro que marcou a moitas xeracións de mozos galegos e que a aínda o fai, con máis de 20 edicións e milleiros de exemplares vendidos.
E se falamos de Xabier non podemos deixar de falar de Agustín Fernandez Paz, o seu irmao, como el dicía, comprometido canda el na defensa da lingua, da LIX e na renovación pedagóxica da escola galega. E tampouco debemos esquecer ao ilustrador Xose Cobas, co que conformou un binomio excepcional onde palabra e imaxe se fusionaban a perfección dando a luz algunhas das obras máis fermosas da literatura galega para todos os públicos.
Xabier P. Docampo, admiraba John Silver, o pirata da Illa do tesouro, a Sherezade, a contadaora de historias das Mil e Unha Noites, e os barbudos de Sierra Maestra. Gustaríalle vivir en Galiza, “mellor sendo dona de seu”. E para o futuro, deixounos esta frase, que ben nos podía guiar a todos e todas nas nosas existencias: “Non fagas mal a ninguén”.
Na editorial Galaxia, Xabier P. Docampo ten publicadas canda Xosé Cobas, De cores e de amores, (2005), Adelaida, Henrique e demais familia (2008), A noite das filantes (2009).