Comezamos o mes de xuño con lecturas para todos os públicos.
Ler sempre é un acerto, un acubillo e un espazo onde desenvolver a empatía, a capacidade crítica e analítica. Velaquí algunhas publicacións:
DAKOTA, Premio Victoriano Taibo de Poesía, de Masha Álvarez. Unha acertada descrición da saudade, que revoga os tópicos da emigración cun revelador diálogo interxeracional. Destaca asemade o emprego dunha linguaxe aparentemente coloquial que acaba desvelando un profundo lirismo. Unha obra, en fin, onde os patios representan o espazo sensitivo e familiar onde acubillarse do xeado estrañamento da distancia.
O TEU PERFIL NA MIÑA SOMBRA, de Rexina Vega. A partir da marcha da filla, asistimos nestas páxinas ao relato dese tempo marcado pola síndrome do niño baleiro, o que dá pé a unha reflexión sobre o complexo mundo das relacións materno-filiais, sobre o que herdamos e o que só á nosa responsabilidade pertence, sobre a vivencia do corpo, sobre as sombras e mais o gozo. De fondo, a consciencia da tremenda ambivalencia dunha aventura que se debate entre o un e o diverso, entre a apropiación radical da outra e a asunción, tamén radical, da alteridade.
EN CONCRETO, de Luísa Villalta, unha edición especial do poemario, con limiar de Estíbaliz Espinosa e fotografías de Xurxo Lobato.
A poeta da cidade alta, a través dunha sensibilidade única, conxugando o sentido poético e musical, deixou un legado tras de si que hoxe seguimos celebrando. Este poemario é un exemplo de como a autora muda a perspectiva poética, a través dun traballo profundamente persoal, que xoga con diferentes fórmulas expresivas para amosar os paisaxes externos que forman parte da vida da autora. Unha fermosa homenaxe á súa querida Coruña.
PERO… COMO MORREN AS PEGAS?, Premio de Novela Vilar Ponte, de Óscar M. Guzmán. Ambientada no Couto Mixto da provincia de Ourense, este libro marcado polo misterio levará ás lectoras e lectores a percorrer boa parte da provincia ourensá, e parte de Portugal, na procura dun pasado ocultado baixo o constante grallar dunha bandada de pegas no ar.
Para público xuvenil, CONTAS DE BUXO, de Raquel Fernández Fernández. Conta a historia de Lara, unha adolescente que saca boas notas e que nunca dá problemas, pero iso muda cando abandona Gondomar e sobe a un autobús sen lle dicir a ninguén a onde vai. Tras dela, un desengano amoroso, os silencios da súa familia e un león que, sen descanso, a persegue nos seus pesadelos.
Vémonos, nas historias.