“Galaicofobia”, o desprezo polo pobo galego

Categoría: Nova

Publicado na colección Ensaio, Galaicofobia, de Alexandre Peres Vigo, afonda no coñecemento dun fenómeno tan experimentado pola sociedade galega como poucas veces nomeado: o desprezo polo pobo galego. A través das súas páxinas, o autor deita a súa ollada nos numerosos testemuños literarios que ao longo da historia mostraron as súas filias e, sobre todo, as súas fobias contra Galicia, a súa lingua e a súa cultura.

Nesta viaxe no tempo descubrimos non só a orixe e evolución da galaicofobia, senón tamén unha serie de tópicos antigalegos, crueis e ridiculizadores, nacidos na Meseta castelá. Esta é, en definitiva, unha obra clara e sintética que dá resposta á eterna pregunta que boa parte da sociedade galega leva facéndose moito tempo: por que nos tratan así? 

Alexandre Peres Vigo (Trasancos, 1982) é licenciado en Humanidades e doutor en Filoloxía Galega e Portuguesa. Profesor na Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña, alén de artigos de investigación, participou nos volumes Estudos actuais de lingüística galego-portuguesa (2019) e Personaxes da Galiza medieval II (2023), ao tempo que é autor e coautor de obras como Do ódio à paródia: o estereótipo antigalego na literatura espanhola do século XVII (2023), Pedro Pardo de Cela. Vida, morte e memoria dun nobre galego (2023) e Os reis e as raíñas da Galiza (2024). A súa principal liña de estudo é o estereotipo antigalego e a galaicofobia, así como as implicacións literarias, históricas e sociolingüísticas destes fenómenos. Forma parte do Grupo de Investigación Lingüística e Literaria Galega, UDC (ILLA).

Comparte nas túas redes sociais ou por email