Lecturas para a mocidade

Categoría: Nova

Tedes dúbidas sobre que lecturas comezar este verán? Cales serán boas opcións para os máis novos?

Velaquí algunhas ideas para a mocidade:

SENTINELAS DA LÚA CARMESÍ, de Ozo Perozo, Andrés Castro e Alexandre Senande. Esta banda deseñada afonda na inmensa riqueza de mitos e lendas de tradición oral de Galicia, conectada coa mitoloxía celta.

Unha historia de fantasía, marcada polo misterio, a mitoloxía galega e os monstros. Dous mundos paralelos que cohabitan, o real dos protagonistas, e o fantástico dun bosque poboado de seres mitolóxicos.

MEMORIAS DUN NENO LABREGO, de Xosé Neira Vilas, adaptada por Iria Aldegunde. A ilustradora pon en imaxes ese mundo que Balbino contempla ao seu redor cos ollos moi abertos e que adoece por entender, pois, como el afirma, vimos ao mundo cunha alforxa de preguntas. Un clásico da literatura galega, agora dispoñible en banda deseñada.

A LISTA DAS COUSAS IMPOSIBLES, de Laura Gonzalvo, traducido por María Alonso Seisdedos (Premio Nacional de Tradución). Esta é a historia de Clara e de Guim. De Guim e de Clara. Unha historia de soños e realidades, de anhelos e de cicatrices. Unha historia de amor e de vida. Unha novela aditiva, sinxela, pero profunda ao mesmo tempo.

MAR BRANCO, de Brais Suárez González. Publicada na colección Reportaxe, esta obra é un percorrido, en tren e autostop, que obedece á fascinación estética que a arquitectura brutalista e as paisaxes xeadas suscitan nun xornalista que prefire ser escritor. Pero tras a liberdade eufórica e inconsciente das primeiras viaxes, ábrese paso unha visión máis madura, co sabor da emigración e o fedor do nacionalismo e da guerra, que revela as tebras do país e pon final ao libro.

O OUTEIRO DO AMIEIRO, de Anjel Lertxundi. O protagonista desta novela quere coñecer o mundo, viaxar dun lado cara a outro, gozar das paisaxes e cidades máis fermosas. E non é que sexa moi raro, moitos libros falan disto. Pero o protagonista desta novela non é unha persoa coma ti ou coma min. Non é nin sequera un rato ou un golfiño. Trátase dun amieiro, unha simple árbore. E unha árbore teno moi complicado para ir polo mundo adiante, aínda que sexa o carballo máis ergueito. Unha árbore que quixo coñecer mundo.

E vós? Que lecturas escolledes para o verán?

Comparte nas túas redes sociais ou por email