Publicado na colección Ensaio de Editorial Galaxia, As músicas interrompidas, escritor por María del Carmen Lorenzo Vizcaíno, Lucinio Medel Iglesias, e Javier Ares Espiño, bota luz no lugar que ocuparon os músicos Manuel Balboa, Enrique X. Macías e Xan Viaño, tres figuras que deixaron tras de si un lugar de referencia na creación musical galega de finais do século XX. Con traxectorias diverxentes, abriron novos camiños e exerceron unha relevante influencia en toda unha xeración de músicos.
Os tres comparten linguaxes musicais diversas que abranguen desde propostas abertamente rupturistas ata liñas continuístas, pero que coinciden nunha gran permeabilidade ás innovacións técnicas e estéticas do momento de efervescencia creativa que viviron.
As músicas interrompidas achégannos a estes tres talentos creativos que non alcanzaron a etapa de madurez. O seu silencio chegou pronto, o que non impediu que causasen un significativo impacto na súa contorna artística.
En concreto, a obra de Macías en termos musicais tivo repercusión porque foi o primeiro autor en realizar composicións con medios electónicos. Tivo unha vida profesional moi intensa e moi vencellada co estranxeiro, traballando nos estudios europeos de manipulación electroactústica máis importantes”, afirma o experto na súa figura, Roberto Oliveira, en Faro de Vigo. A familia deste pioneiro da música electroacústica entregará todo o seu arquivo á Universidade de Santiago.
O libro chegará a todas as librarías durante esta semana.
Javier Ares Espiño é doutor pola USC e catedrático de piano no Conservatorio Superior de Música da Coruña. Autor de varios libros e artigos nunha liña de investigación sobre o compositor galego-arxentino Carlos López García-Picos.
Lucinio Medel Iglesias é profesor superior de piano, DEA pola USC, profesor no IES Breamo de Pontedeume e investigador da figura de Xan Viaño e o ambiente musical galego.
Mª del Carmen Lorenzo Vizcaíno é violinista, doutora pola USC, profesora na Universidad Internacional de La Rioja e arquiveira da Real Filharmonía de Galicia, está especializada en dereitos de autor aplicados á música e é investigadora centrada na música galega.