Galaxia estará na Feira do Libro de Redondela

Categoría: Nova

Hoxe comeza a Feira do Libro de Redondela, a sexta nesta nova edición, que estará aberta ata o 16 de xuño. Celebrarase na Alameda.

Editorial Galaxia estará presente coa seguinte programación:

Xoves 13 de xuño, ás 19:30 h. Presentación de “Dakota”, Premio Victoriano Taibo, de Masha Álvarez.

Acompañando a autora, estará Marcos Calveiro, director de Edicións de Editorial Galaxia.

Unha acertada descrición da saudade, que revoga os tópicos da emigración cun revelador diálogo interxeracional. Destaca asemade o emprego dunha linguaxe aparentemente coloquial que acaba desvelando un profundo lirismo. Unha obra, en fin, onde os patios representan o espazo sensitivo e familiar onde acubillarse do xeado estrañamento da distancia.

Sábado 15 de xuño, ás 20 h. Conversa con Juan Parcero, autor de Na canella infinita, e Álex Mene, autor de O amante expresionista.

Na canella infinita. Unha novela na que dúas xeracións atópanse nunha vila, Aferróns, consumida pola droga e poboada de pantasmas e sombras. Corren os anos oitenta, un tempo de gran creatividade e militancia cultural, pero tamén de moitas traxedias persoais, dor e morte. Un achado accidental e envelenado nunha praia coloca ao trío de protagonistas no bordo do precipicio. Historias paralelas e que se bifurcan, as ansias de desaparecer e esquecer o medo, o ímpeto humano do auxilio e solidariedade, os remorsos e a procura de consolo, o terror cara a un futuro que non existe e a sabedoría dun pasado que sempre acompaña, forman parte dunha historia engaiolante e poliédrica na que moitos lectores e lectoras se recoñecerán.

O amante expresionista. Unha viaxe iniciática que o levará por Vigo, Barcelona, Madrid, Valencia, A China, O Xapón, Suíza e O Canadá. O libro constitúe unha reflexión sobre a paternidade desde dous puntos de vista: a do pai e a do fillo. O amante expresionista é, tamén, unha homenaxe á historia do cine. Un relato que trata da maxia das imaxes, do fado, dos lazos de sangue e dos emocionais, das linguas, da importancia de amar e daquilo que perdemos consonte vai transcorrendo a vida que nos leva.

Domingo 16 de xuño, ás 19 h. Presentación de O teu perfil na miña sombra, de Rexina Vega.

Acompañando a autora, estará María Xosé Porteiro, escritora e valedora do pobo.

A partir da marcha da filla, asistimos nestas páxinas ao relato dese temp o marcado pola síndrome do niño baleiro, o que dá pé a unha reflexión sobre o complexo mundo das relacións materno-filiais, sobre o que herdamos e o que só á nosa responsabilidade pertence, sobre a vivencia do corpo, sobre as sombras e mais o gozo. De fondo, a consciencia da tremenda ambivalencia dunha aventura que se debate entre o un e o diverso, entre a apropiación radical da outra e a asunción, tamén radical, da alteridade.

Vémonos pola Feira!

Comparte nas túas redes sociais ou por email