Pacho Blanco publica, na colección Literia de Galaxia, “O que non ten prezo”, unha historia que reflexa as miserias e realidades da nosa sociedade.
Esta historia pescuda na esencia do ser humano, dende Galicia ata a India, transitando por todos os lugares que poidamos imaxinar e empapándose de todas as vidas para entender o que realmente nos une.
Porque un billete de cor púrpura pode cambiar o mundo, ou polo menos tentalo. Un mundo onde se agochan personaxes que gozan da felicidade, que cobizan o amor, o sexo e a beleza. Porque iso é a vida, o que somos e o que queremos ser. O prezo dos nosos soños.
Esta semana chegará a todas as librarías.
Xosé M. Pacho Blanco (Ourense, 1974) é o único autor galego que acadou os dous galardóns máis importantes da literatura galega, o Premio Torrente Ballester, coa novela “A choiva do mundo”, e o Premio Rafael Dieste coa obra “Teatro ou xeitos de cargar un arma”, ademais do V Premio Diario Cultural con “Paraísos”.
Doutor en Dereito, profesor de universidade e avogado, colabora en proxectos culturais e literarios. No eido da investigación conta con publicacións sobre dereitos lingüísticos, xustiza transicional e cambio climático. Agora regresa ao mundo da creación coa novela social “O que non ten prezo”.