Galaxia estará na Feira do Libro de Ourense

Categoría: Nova

Hoxe comeza a Feira do Libro de Ourense, a quinta nesta nova edición, que estará aberta ata o 8 de xuño. Celebrarase no Parque de San Lázaro.

Editorial Galaxia estará presente coa seguinte programación:

Mércores 5 de xuño, ás 20:30 h. Un Café Candelas con… Rochi Novoa, María Doallo, Luca Chao e Celia Díaz. Conversa As mulleres que opinan son perigosas.

Xoves 6 de xuño, ás 20:30 h. Presentación arredor de Pero… como morren as pegas?Premio de Novela Vilar Ponte 2023, de Óscar M. Guzmán

Acompañando o autor, estarán Alba Guzman, escritora; e Marcos Calveiro, director de Edicións de Editorial Galaxia.

Ambientada no Couto Mixto da provincia de Ourense, este libro marcado polo misterio levará ás lectoras e lectores a percorrer boa parte da provincia ourensá, e parte de Portugal, na procura dun pasado ocultado baixo o constante grallar dunha bandada de pegas no ar.

Resulta curioso como a morte, a solución final que lle dá senso á vida, semella unha novidade abraiante en cada ocasión que nos toca de preto.

Sábado 8 de xuño, ás 20:30 h. Espectáculo poético a dúas voces con Samuel Merino, autor de Claustro Corda  Comensal, e Silvia Penas, autora de Retratos de vodas, partos e funerais.

En “Claustro Corda Comensal”, Samuel Merino comparte unha crónica do suceso, abrindo unha porta pola que acceder a un recanto da memoria. A través da súa personalísima voz, as lectoras e lectores poderán ser testemuña do esquema dun desastre colectivo. Este poemario funciona como un comezo onde finaliza algo para que algo empece cando algo conclúe.

En Retratos de vodas, partos e funerais, Premio Follas Novas na categoría de Poesía, a poeta ofrece un retrato persoal, no que destaca a fuxida. Unha poesía marcada pola sororidade, na que a voz poética é quen de mirarse noutras mulleres, que esparexen a memoria e o herdo, a beleza e a escuridade da ferida.

Vémonos na Feira!

Comparte nas túas redes sociais ou por email