Óscar M. Guzmán debuta na colección Literaria de Galaxia con Pero… como morren as pegas?, unha obra de intriga trepidante que foi merecente do Premio de Novela Vilar Ponte 2023.
Ambientada no Couto Mixto da provincia de Ourense, este libro marcado polo misterio levará ás lectoras e lectores a percorrer boa parte da provincia ourensá, e parte de Portugal, na procura dun pasado ocultado baixo o constante grallar dunha bandada de pegas no ar.
O inspector xefe da Policía Nacional, Salanio Mariño, acompañado polo seu segundo, o inefable subinspector Leopoldo Xelmírez, e o resto do seu equipo, intentarán resolver o asasinato dun magnate ourensán do transporte. Un crime onde se mesturan o roubo de xoias, o amor e a morte.
Resulta curioso como a morte, a solución final que lle dá senso á vida, semella unha novidade abraiante en cada ocasión que nos toca de preto.
Unha lectura imprescindible que esta semana chegará ás librarías.
Óscar M. Guzmán (Vilamarín, Ourense, 1970) traballa como persoal laboral da Deputación Provincial de Ourense. Pero… como morren as pegas? é a súa segunda novela, obra coa que gañou o V Premio Literario Vilar Ponte do Concello de Viveiro. Con anterioridade publicou Os segredos de Teresa (2021), coa que inauguraba a saga do inspector Saladino Mariño.