Galaxia distribúe “Eugenio Montes. O intelectual silenciado”, e “Verdades como puños y consideraciones”

Categoría: Nova

Editorial Galaxia vén de distribuír dúas nova publicacións: a edición facsímile de Verdades como puños y consideraciones, de Justo Taladrid Catá, publicada polo Consello da Cultura Galega, e Eugenio Montes. O intelectual silenciado, de Manuel Rivero Pérez, publicado pola Deputación de Ourense. 

Verdades como puños y consideraciones. Mis servicios al distrito de Vivero (1935), que conta cun prólogo de Salvador Pérez-Labarta Pillado, foi un libro polémico no que o seu autor intentou xustificar a súa propia conduta, que moitos sectores sociais e institucionais xulgaron e denunciaron con fundadas razóns como obstrucionista no proceso de consecución dun novo grupo escolar para a vila do Landrove, nos anos vinte e trinta do pasado século. No fragor dese debate público resultaría danado o propio vínculo de Taladrid coa entidade que promovera e representara durante varios lustros e que lle dera boa parte da súa reputación filantrópica, a sociedade de instrución Vivero y su Comarca.

Eugenio Montes. O intelectual silenciado é un libro, en palabras do autor do prólogo José-Martinho Montero Santalha, que recolle os resultados dun longo esforzo de investigación sobre a personalidade de Montes. Rivero realizou unha ampla pescuda que foi publicando dende o verán de 2021 en artigos semanais na web Galicia Digital. Esas entregas conforman agora os capítulos desta obra.

Comparte nas túas redes sociais ou por email