Alberto Avendaño entra na Academia Norteamericana da Lingua Española

Categoría: Nova

O xornalista e escritor galego Alberto Avendaño foi nomeado académico de número da Academia Norteamericana da Lingua Española (ANLE).

A xunta directiva da entidade tomou a decisión durante o derradeiro pleno celebrado a finais de outubro, poñendo en valor a súa traxectoria persoal e profesional, que dedicou produtivamente ao estudo, difusión e promoción da lingua española e das culturas a nivel nacional e internacional.

Os membros da ANLE tiveron en conta “os seus múltiples desempeños en congresos, publicacións, proxectos e difusións multimedia, que deixaron froitos permanentes polos seus aportes sobre o valor da unidade e diversidade da lingua”.

Todo un recoñecemento á brillante traxectoria de Avendaño que, na súa faceta de escritor, publicou, na Editorial Galaxia, libros como E outras historias; no que amosa un estilo áxil e transparente; O gato metido nun saco Aventuras de Sol; dedicados á cativada; Texasun poemario orixinal, que conta diversas historias nas que a denuncia das inxustizas é protagonista; e o recente Maasai, publicado na colección Literaria, con ilustracións de Xosé Freixanes, unha novela que fala sobre o amor, a guerra e maxia dun pobo. 

Alberto Avendaño (Vigo, 1957) é escritor e xornalista cunha carreira profesional en dous mundos (en Galicia coa TVG e nos Estados Unidos con The Washington Post), e en tres idiomas (galego, castelán e inglés). Con Antón Reixa e Manuel M. Romón forma parte do Grupo de Comunicación Poética Rompente (1976-1983), vangarda literaria durante a transición democrática española, onde fai colaboracións artísticas con Menchu Lamas e Antón Patiño, así como cos músicos Enrique X. Macías e Julián Hernández (Siniestro Total). Traballou para a RTVG e o CDG, antes de emigrar aos Estados Unidos durante trinta anos, onde a súa obra se recolle en publicacións da Academia Norteamericana da Lingua Española, da que é membro. De regreso a Galicia, Avendaño volve a Rompente cos poemarios Que hostia din os rumororosos? (2021) e CAOSMOS (2022) con Antón Patiño. Autor de literatura infantil (dous Premios Barco de Vapor), teatro e tradutor ao galego de clásicos da literatura en inglés, Avendaño recibiu os recoñecementos máis importantes da prensa hispana dos Estados Unidos, así como tres Premios Emmy™ da Academia da TV estadounidense.

Comparte nas túas redes sociais ou por email