O mércores 8 de novembro, celebrarase, ás 19:30 h, na Hemeroteca da Escola Municipal de Artes e Oficios, en Vigo, a presentación de Onde ferve a memoria, de Xavier Rodríguez Baixeras, con ilustracións de Baldo Ramos.
Acompañando o autor, estarán Xosé María Álvarez Cáccamo, poeta; e Marcos Calveiro, director de Edición de Editorial Galaxia.
Baixeras publica, na colección Dombate de Editorial Galaxia, Onde ferve a memoria. Un poemario que fica na primavera silenciosa. Onde o poeta consegue entrar na súa casa, mais só para atopar o abatemento e a disolución de infinitos voos converxentes de morcegos, que logo asociará ao comportamento da anguía, cando esta, antes de se esvaecer no mar, xa non logre regresar en forma larvaria á terra da que partiu.
En Onde ferve a memoria, morcegos e anguías son, pois, os seus protagonistas, cuxos opostos comportamentos (súbita converxencia e demorada marcha) acaso só pertenzan á memoria do que ficou de nós, reféns tamén da escuridade.
Xavier Rodríguez Baixeras (Tarragona, 1945). Profesor xubilado de ensino medio de Lingua e Literatura, pertence á xeración poética dos 80. Entre as súas obras destacan Anos de viaxe (1981-1987) e O pan da tarde (Galaxia, 2006). Recibiu o Premio da Crítica española en dúas ocasións e o da Crítica de Galicia, o González Garcés e o Cidade de Ourense. Cultivou a crítica poética (Bos tempos para a lírica, 1980), o libro de viaxes (Brasil no centro, Galaxia, 2011) e mergullouse na gastronomía con Dicionario da comida galega, Rosalía e a cociña e o ensaio Diario de comidas (Galaxia, 2004).