Un total de oito títulos de Editorial Galaxia aparecen este ano no Catálogo Literatura Infantil y Juvenil de España. Selección OEPLI 2021, unha escolma elaborada pola Organización Española para el Libro Infantil y Juvenil xunto ás súas seccións territoriais, o Consejo General del Libro, ClijCat, Galtzagorri y Gálix, e en colaboración co Ministerio de Cultura y Deporte.
A prestixiosa selección destaca libros como Canta, miña rula, canta, de Antonio García Teijeiro, ilustrado por Xan López Domínguez; no que a fantasía desbordante dos debuxos do ilustrador e as delicadas palabras, que case parecen música, do poeta lévannos á hora máxica do solpor, cando todo o que imaxinamos podería acontecer…
Dormente de Raquel Castro, ilustrado por Laura Veleiro, unha lectura recomendada para lectoras e lectores a partir de 12 anos, que cuestiona o rol das princesas dos contos, tal e como os coñecemos.
O libro, recemente premiado co Follas Novas na categoría de Mellor Libro de Divulgación do ano 2021, H2… Oh!!! Pingas científicas, de María Canosa, ilustrado por Luz Beloso, tamén resultou destacado nesta lista.
A través do plano divulgativo, pon en valor a disciplina científica e achégaa aos máis novos, nun exercicio de creatividade e proximidade. Unha proposta que axuda a entender o mundo que nos rodea e poñerlle nome ás circunstancias que o forman.
Para público xuvenil, destaca Algúns contos completos, de Domingo Villar, fabulosamente adobiada cos linogravados de Carlos Baonza. Trátase dunha escolma das pequenas historias escritas ao longo de quince anos para agasallar ás amizades ou para animar reunións. Protagonizados pola idea de viaxe e co mar no centro do seu horizonte, nunha sincera exaltación da vida e da beleza, chea de humor.
Publicada nas catro linguas do estado, O cemiterio de barcos, de Francisco Castro, é tamén unha das obras escollidas. A través desta historia, o autor ilumina as sombras da sociedade que, por moito que avance o tempo, siguen presentes en todas as formas e estratos sociais. Unha novela sobre a dignidade e fronte a calquera clase de abuso, e unha alegación en contra da violencia machista.
Traducida por Xesús Domínguez Dono, Como lágrimas na chuvia, Premio Lazarillo 2019, de Jordi Sierra i Fabra, e gañadora, tamén, na 4ª categoría, dedicada á tradución, na XVIII edición dos Premios Frei Martín Sarmiento.
A través dunha linguaxe moi próxima á mocidade, e coa outra paixón do autor como marco, a música, retrata o fracaso, o éxito, a traizón, a fama e a amizade; en definitiva, a condición humana.
Da autoría de Ana María Fernández, Incesante vagalume, é unha obra publicada na colección Costa Oeste, coma o paradoxo dun soño, onírico e inspirador, dirixido a todas as rapazas e rapaces que queiran acceder ao fabuloso mundo que habita no seu interior.
A pintora libertaria, de Pepe Carballude, que acaba de ser destacada na prestixiosa revista Clij, tamén é un dos títulos subliñados. Unha lectura dinámica onde os personaxes cobran vida en Vila do Pazo, que podería ser calquera vila galega, e na que se recorda a vida cultural de Galicia, histórica e da emigración, e do seu fondo máis escuro e controvertido.