Vixiade as vosas costas

Categoría: Nova

A Galicia Negra xa non é o que era. E iso sábeno ben as lectores e lectores de novela policial e criminal que, fieis, acoden ás librarías a mercar as novidades dos seus autores e autoras preferidos. Aquel estereotipo do noso país, cheo de prexuízos, aldraxes e tópicos mudou nun vizoso xénero literario, e tamén audiovisual, polo que a Editorial Galaxia apostou con forza.
Tras saír,  vencedora e rica, dun programa de telerrealidade, unha muller loita contra si mesma e contra o resto do mundo en Sobrevivindo (versión ampliada), de Arantza Portabales.
Un escritor de novela negra dispárase nunha perna entrando así nunha espiral de violencia, amor e maldade do que tentará sacalo Diego Giráldez en O meu sangue.
Un cadáver no lugar máis insospeitado, o bispado, revela a impunidade e a dobre vida dos poderosos en Morte no espello,de Javier Fraiz.
Un atentado lévanos de volta aos convulsos anos 80 da man de Xoaquín Fernández Leiceaga en Baixo as alas de abril.
Mergullámonos nunha cidade onde nunca pasa nada e de súpeto cinco mortos en catro días, en Só ficarán cinzas en algures, de Toño Guede.
Dun día para outro, e sen que se saiba o motivo, desaparece unha escritora de sona  e acompañamos a Arantza Portabales  na desesperada súa procura en A vida secreta de Úrsula Bas.
Tomade nota, levade coidado, vixiade as vosas costas, sentade de fronte á porta nos establecementos públicos e para desfacervos do cadáver e limpar as vosas pegadas sanguentas… acudide ás nosas autoras e autores, nas súas obras atoparedes intriga, emoción, misterio e todas as respostas as preguntas que tedes na cabeza. Boas lecturas, criminais!

Comparte nas túas redes sociais ou por email