Xa están a piques de chegar aos nosos almacéns as destacadas Memorias dun neno labrego e Espantallo amigo, de Xosé Neira Vilas; as novas obras que engrosan a colección Lectura Fácil.
Logo de publicar libros como 20.000 leguas baixo dos mares, de Jules Verne, ou Florencio Manuel Delgado Gurriarán. Un legado infindo, de Lucía Gómez Álvarez, Galaxia aposta de novo, co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, por presentar libros en lectura fácil, no seu compromiso por achegar unha cultura integradora, accesible para a toda a sociedade.
Lucía Gómez Álvarez adaptou á Lectura Fácil Memorias dun neno labrego, unha das obras máis importantes da literatura galega, a máis lida e traducida. O seu protagonista, Balbino, un rapaz de aldea de mediados do século XX observa o mundo que arrodea e adoece por entendelo, pero ninguén lle dá as respostas que precisa. Unha obra imprescindible que nos axuda a entender a nosa sociedade dende a inocencia dun rapaz de aldea, coma quen din, un ninguén, e ademais pobre.
Adaptado por Désirée Silva Bernárdez e ilustrado por Xaquín Marín chega Espantallo amigo. Unha creación ateigada de sensibilidade, imaxinación e baseada nas raíces culturais. O protagonista desta historia ten un corazón de pexego, quentiño e bo, coma as cousas que el fai.
A figura do tío Ramón de Reborneda dá os mellores figos da aldea pero os merlos tamén o saben, e non deixan un para probar, así que o tío Ramón decide, cuns paus, roupa vella e un pouco de palla, facer un espantallo… moi especial.
Con estas obras, a Editorial Galaxia incide no labor de traer os clásicos da literatura á colección Lectura Fácil. Unha aposta a favor da diversidade e igualdade de oportunidades para todas e todos, que busca achegar a cultura á sociedade.
Xosé Neira Vilas (Vila de Cruces, 1928-2015) é un dos escritores máis sobranceiros das letras galegas. A súa vida e a súa obra están marcadas pola emigración, que viviu en primeira persoa na Arxentina, onde fundou Follas Novas, editorial e distribuidora do libro galego, xunto coa súa muller Anisia Miranda, e Cuba. A súa mestría creadora amósase nese e noutros moitos libros que lle valeron o recoñecemento da sociedade galega.
Entre a súa ampla produción literaria poderíanse citar: Xente no rodicio (1965), Camiño bretemoso (1967), A muller de ferro (1969), Cartas a Lelo (1971), Espantallo amigo (1971), O cabaliño de buxo (1971), Aqueles anos do Moncho (1977), Querido Tomás (1981), De cando o Suso foi carteiro (1988) e Memorias dun neno labrego (1961), un dos libros máis famosos das letras galegas.