Galaxia inaugura a colección “Heterodoxos”

Categoría: Nova

Os raros, as malditas, os que ata agora non tiña voz e ficaban mudos baixo o peso da lustrosa bota do poder, do canon, dos santos preceptos do establecido. Contra os dogmas,  os prexuízos, as consignas e os tópicos. Contra o optimismo dos escépticos, contra o pesimismo dos fanáticos. Para todas elas e eles, contra todos e todo,  para provocalos, para alzalos, para que esperten dese turbio soño dos xustos. Para iso e moito máis nace nova colección de Galaxia, Heterodoxos. O colector dos refugos dunha sociedade anestesiada que agocha as súas miserias e debilidades, que mira para outro lado, que renuncia a loita e ao compromiso. Heterodoxosson libros urxentes e necesarios, prontuarios contra a incerteza destes tempos escleróticos, a mellor prescrición posible contra o tedio bovino e a mediocridade. Iconoclastas e atrevidos, para aquelas e aqueles que escriben sen papel pautado, coas liñas tortas da disidencia e a procacidade.
Abre a colección, Enser,de Marcos Lorenzo,  un libro breve pero xeneroso, que contén comedia, afecto examinado, contemplación, unha teoría erótico-demográfica, queixas, intuicións filosóficas, cálculos, propósitos subversivos ou de emenda, vagos manifestos, hipocondría…
A este seguirao o Espiderman, de Lúa Mosquera,  un libro que revela que a poesía toda do mundo vive no cotián. Que hai Entroido na morte. Melodía nun axóuxere. Respostas nun vaso de viño. E moitísima verdade nunha ficción. Que a poesía salva e protexe. E as súas páxinas poden amosalo.

Comparte nas túas redes sociais ou por email