Sinaturas na Feira do Libro da Coruña

Categoría: Nova

María Canosa, Miriam Couceiro Castro, Marilar Aleixandre, Xurxo Souto, Pilar García Rego, Víctor Rivas, Xosé Tomás, Marta Dacosta e Xavier Queipo, son as autoras e autores que estarán asinando os seus últimos lanzamentos.

En pleno verán chega a agardada Feira do Libro da Coruña, un evento ao que non poden faltar todas as amantes das letras. Un encontro imprescindible para atopar as lecturas máis desexadas deste verán e, o máis importante, levalas á casa asinadas polo propio autor ou autora.

Achegádevos á feira, que se celebra dende o día 1 ata o 10 de agosto, nos Xardíns de Méndez Núñez, no corazón coruñés. Unha xuntanza cultural que acolle fermosas novidades como H2… Oh!!! Pingas científicas, de María Canosa, que estivo asinando o domingo 1 de agosto, ás 18:30 h.

Cunha escrita intelixente, a escritora amosa unha visión moi orixinal sobre o eido científico. Megullándonos nestas páxinas, fermosamente ilustradas por Luz Beloso, todas e todos poderemos aprender cantidade de cousas novas, converténdonos nun chisco máis libres.

Se o que vos interesa é unha mirada máis enfocada ao feminismo, o luns 2 de agosto, podedes achegarvos, ás 18:30 h, á sinatura de Miriam Couceiro Castro arredor de A Galiza feminista.

Publicado na colección Feminismos de Editorial Galaxia, este é un minucioso relato arredor do movemento feminista na Galiza. Un feminismo que, en palabras da autora, “non pode ser abstracto nin de elites, ten que ser un feminismo de clase social, que non quede na fachada e que reflicta a maioría social feminina”. Este libro amosa a evolución do pensamento, dende os inicios ata a actualidade. Unha obra necesaria para entender o camiño da igualdade, hoxe en día.

O mesmo día, ás 19:30 h, Marilar Aleixandre estará asinando As malas mulleres, o libro gañador do Premio Blanco Amor 2020.

Unha novela escrita contra a desmemoria, para recuperar a memoria das excluídas, reclusas no cárcere da Galera, da Coruña, en 1863. Asemade é un canto ao papel dos libros e a lectura en mellorar a vida das persoas, en dar esperanza ás desesperadas.

O martes 3 de agosto, Pilar García Rego estará, ás 19:30 h, asinando o seu poemario Humanario. Publicado na colección Dombate de Galaxia, é un travelling polo máis evolucionado dos animais (oxalá un día venzan).

O mércores 4 de agosto, ás 19:30 h, celebrarase a sinatura de Anacos da vida, de Víctor Rivas, un fermoso álbum ilustrado que homenaxea ás nosas xentes e cultura dende o estilo máis persoal e marcado do artista.

Unha síntese do que somos todas e todos como pobo, dende o máis profundo das nosas raíces. Un libro singularísimo e distinto, que destila a nosa terra galega en a través de todas as súas páxinas.

Xurxo Souto estará, ás 20:30 h, asinando Pangalaica. Recortes poderosos. Petiscos literarios que constrúen toda unha cosmovisión. Persoas e historias marabillosas que Souto foi coñecendo, desde que, hai trinta anos, comezou a percorrer o país co primeiro disco dos Diplomáticos de Monte-Alto.

Unha viaxe ata o fondo da lama, ata non recoñecer as nosas propias mans. Un texto prepandémico que é unha catarse, un descenso cara ao fondo da alma do ser humano, con referencias á natureza e aos animais, escrito dende a autocrítica.
A cativada tamén poderá asistir á feira para visitar a Xosé Tomás, que estará asinando Historias da Fraga Revirada, o venres 6 de agosto, ás 18:30 h.
Un libro ilustrado que defende o dereito á diferenza, pois é o valor máis alto que posuímos. Nesta Fraga Revirada poderedes atopar animais moi distintos, seres que cren en si mesmos e que defenden as súas habelencias por enriba de todo. Personaxes que son como queren ser, non como teñen que ser. Trátase de historias evocadoras, acompañadas cunha ilustración impecable, que contan con xogos e actividades para a cativada.
Seguindo un percorrido pola natureza, neste caso da palabra, estará Marta Dacosta Alonso, asinando Notas sobre a extinción, o luns 9 de agosto, ás 18:30 h.
Unha obra que entende a palabra como menciña e solución cara ao efémero da vida. A autora, retén as verbas nun exercicio de preservar todas as cousas fermosas que sentimos e que nos ofrece a vida.
Versos que evocan natureza e unha sensibilidade extrema cara ao que nos rodea. Poesía-antídoto, poesía-paz. Contemplar a beleza e retela canda nós, observando a vida e capturándoa en palabras. Unha lectura sanadora.
Unha paisaxe interior, asolagada por unha dúbida terrible, é o que podemos atopar na novela Corazón de manteiga, publicada na colección Literaria, de Xavier Queipo, que estará asinando o martes 10 de agosto, ás 20:30 h.
Esta libro ofrécenos unha viaxe ao corazón de Mauro, o protagonista desta historia. Cunha escritura que vai mudando desde o relato naturalista á memoria esnaquizada, Queipo cóllenos da man para amosarnos a historia dunha vida marcada pola diferenza. A través das súas verbas, facemos un percorrido pola memoria, os recordos e os sentimentos de Mauro.

Comparte nas túas redes sociais ou por email