Un verán para ler e sentir

Categoría: Nova

Chega agosto e con el o descanso da editorial Galaxia. Unha pausa que nos axuda a coller impulso para ofrecervos un novo curso cargado de lecturas e novidades para todas as idades e gustos.
O verán é un momento fabuloso para ler, soñar e vivir en liberdade as oportunidades que nos ofrece a calor da tempada. Unha época na que descansar e conectar con nós mesmas e, tamén, coas nosas persoas máis queridas. Que mellor que acompañarnos deses libros que tanto tempo levamos agardando devorar? Ou descubrir algunhas lecturas novas?
Ler benefícianos de maneiras incalculables pero, sobre todo, axúdanos a comprender mellor o mundo que nos rodea ou crear o que nos gustaría que nos rodease. Lendo, exploramos outros universos e visións posibles, saímos das nosas rutinas e aprendemos a pensar desde outras cabezas, outros ollos. Intercambiamos peles, interesámonos por outros aspectos dos que non nos decataramos antes, ou adentrámonos nun cosmos máxico, cheo de aventuras.
A fantasía, moitas veces, é o mellor refuxio contra unha realidade desafiante. Fagamos desa realidade o mellor dos mundos, a través das historias que nos forman a todas e todos.
Lede, desfrutade e sentide, neste fermoso verán, de libro.

Comparte nas túas redes sociais ou por email