A Editorial Galaxia avanza as súas novidades de fin de ano

Categoría: Nova

Neste mes publicarase Algúns contos completos, o novo e esperado libro de Domingo Villar, acompañado dos linogravados de Carlos Baonza

Tralo éxito de O último barco (2019), que puxo o ramo á triloxía do inspector Leo Caldas, dous anos despois, Algúns contos completos desvelará unha faceta sorprendente do aplaudido autor de novela negra.

Esta obra reúne unha selección de relatos que o autor foi producindo ao longo dos anos. Uns foron recollidos en diarios ou lidos en público, outros son inéditos, pero todos estaban contemplados como narracións orais que Villar “reservaba para encontros familiares sen outra intención que celebrar a risa compartida e a amizade”. Unha aposta completamente diferente á que o autor tennos acostumados. A edición en castelán correrá a cargo da editorial Siruela.

Na colección Costa Oeste, verá a luz o novo libro de Francisco Castro, O cemiterio de barcos. Unha novela de aventuras e misterio que atrapá ás lectores e lectores de todas as idadese que sae publicada nas catro linguas oficias do Estado Español.

Despois do seu libro Tantos anos de silencio (2020), Castro sorpréndenos cun novo título que defende valores constantes na súa escrita como o amor, a amizade e a conciencia política.

Unha historia dun amor de verán entre dous rapaces deriva na descuberta dun segredo soterrado na vila dende hai décadas. Corrupción, ameazas, violencia machista e a valentía duns personaxes que farán o que sexa para chegar ata o final desta historia. Un libro que aposta pola busca da verdade nas nosas vidas.

Ignacio Vilar publicará, na colección Teatro de Galaxia, o guión cinematográfico Aura. Esta é a primeira vez que o guión é publicado antes que a propia película, todo un acontecemento para este proxecto, que está apoiado polo Creative Europe Media (programa deseñado para o apoio do cinema europeo).

Esta obra, ambientado no ano 1964, reflexa a través dos ollos de Siro, un adolescente dunha alea da alta montaña galega, a opresiva realidade do mundo daquel tempo. Vilar aposta por unha obra sobre a defensa da memoria, a través deste relato, ambientado nun estado marcado polo adoutrinamento, a mentira e o fascismo. Un libro para que non esquezamos o pasado.

Vilar fundou en 1990 a produtora Vía Láctea Filmes, para a que dirixe curtametraxes e longametraxes como A Esmorga (2014, producida tamén por Editorial Galaxia), baseada na novela de Eduardo Blanco Amor, primeira longametraxe rodada en galego e nominada aos Premios Golla ao Mellor Guión Adaptado, e premiada no XXFestival du Cinéma Espagnol de Toulouse ao Mellor Director (ad hoc), Mellor Interpretación Masculina e Mellor Fotografía.

Na categoría Ensaio, Antón Baamonde publica Unha nova Olanda, onde defende a importancia de defender o carácter propio de cada cidade galega. As identidades urbanas son un país ignoto por explorar, unha realidade na que o autor ve diferentes fiestras de oportunidade.

Este autor, que mestura o literario e o filosófico na súa obra, publicou, na Editorial Galaxia, títulos como Sobre o tempo (1990), e A rosa sen por qué (1997).

Finalmente, e como xa é habitual na produción do derradeiro trimestre do ano da Editorial Galaxia, verán a luz os Premios Torrente Ballester de Narrativa, o Repsol, O García Barros, o Raíña Lupa, o Illa Nova, así como libros que serán de referencia como a Historia do cómic en Galicia de Octavio Beares, a nova novela de Xaquín Fernández Leiceaga, un novo poemario de Carlos Callón, así como a recuperación do texto de Luísa Villalta, O outro lado da música, a poesía. Antes de fin de ano publicarase tamén o derradeiro tomo da monumental biografía de Castelao a cargo de Miguel Anxo Seixas, ou as memorias musicais de Xoán Rubia ou as memorias vitais e poéticas de Xesús Rábade Paredes.

Comparte nas túas redes sociais ou por email