O mércores 31 de xaneiro, ás 10:30 h, no Pazo da San Roque, en Santiago de Compostela, unha rolda de prensa de presentación arredor de Memorias dun neno labrego, de Xosé Neira Vilas, adaptado por Iria Aldegunde.
Acompañando a ilustradora, estarán Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística; Fernando Redondo Neira, presidente da Fundación Xosé Neira Vilas; e Xesús Domínguez Dono, director de Produción de Editorial Galaxia.
Publicada na colección Novela Gráfica, a adaptación a banda deseñada do clásico de Neira Vilas está debuxada con sentimento e bo pulso narrativo.
Eu son… Balbino. Un rapaz de aldea. Coma quen di, un ningúen. E ademais, pobre.
Así comeza o libro máis lido e traducido da literatura galega. Unha das obras que fundan a nosa narrativa contemporánea e que agora se presenta por vez primeira nunha adaptación gráfica.
Iria Aldegunde pon en imaxes ese mundo que Balbino contempla ao seu redor cos ollos moi abertos e que adoece por entender, pois, como el afirma, vimos ao mundo cunha alforxa de preguntas.
Ás 11:30 h, celebrarase, unha rolda de prensa de presentación arredor de A música dos Valladares, de Pablo Bernárdez, ilustrado por Hortensia Fernández.
Acompañando o autor e a ilustradora, estarán os músicos Cibrán Seixo e Rubén Servide; Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística; e Xesús Domínguez Dono, director de Produción de Editorial Galaxia.
Este traballo vén ser unha visita, a través da música, á Casa Grande de Vilancosta, na parroquia de Berres (A Estrada), da familia Valladares ao longo do século XIX. Esa música que, en partituras, moitas delas manuscritas, souberon preservar os herdeiros deste predio.
Cunha finalidade eminentemente divulgativa, o libro presenta textos alusivos á biografía dos compoñentes máis destacables desta familia ullá, e cada texto vai asociado a unha peza musical e a unha ilustración. Estas pezas musicais son accesibles mediante descarga a partir dun QR, tanto en en formato de audio, arranxadas e gravadas para a ocasión, como en PDF para as súas letras e partituras.
O xermolo deste libro parte do Proxecto Valladares, que o autor, xunto con Rubén Servide e Cibrán Seixo, inicia en 2021 para dar a coñecer a música da familia Valladares Núñez.