PREMIO RAÍÑA LUPA DE MODALIDADE XUVENIL 2024
Que teñen en común o explorador Ernest Shackleton e a brillante científica Olalla Caínzos? Exacto! A fascinación pola Antártida! A iso debemos sumar o odio que Alma sente por eles. A súa nai era divertida e unha contadora de historias magnífica ata que a obsesión polo continente branco e polo quecemento global a papou enteiriña. Por iso, ela está en guerra aberta co mundo, un mundo que inclúe ao seu pai, a profe Patricia, a súa examiga Lía e o instituto enteiro. Mais Alma non tardará en aprender que na fría, inhóspita e hostil Antártida, numerosas especies sobreviven grazas a unha inmensa capacidade de adaptación ao medio. E ela é un deses fascinantes seres, só que aínda non o sabe. Unha novela chea de xistras, liques extraordinarios, calcetíns desparellos, cibercarrachos, infernos de neve e trenzas viquingas que conforman unha historia de amor coma outra calquera.

(Meirás-Valdoviño, 1976) é xornalista e traballa no Consello da Cultura Galega. Entre a súa extensa obra narrativa destacan: Resistencia (2003), Sol de inverno (2009), Ás de bolboreta (2009), Xelís, o guieiro das botellas de mar (2019), Tres bichicomas, dúas illas e unha serea (2020) e A noite das cebolas (2024). Recibiu importantes galardóns literarios, como o Premio Losada Diéguez de Creación Literaria, o Xerais de Novela, o Merlín de Literatura Infantil, o Follas Novas, o Arcebispo Xoán de San Clemente e o Premio Agustín Fernández Paz de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade.
Foto da autora de Teresa Navarro Quinteira